A restauración ambiental do Lérez xa é unha realidade en 16 quilómetros de río
Por Redacción
A restauración ambiental sobre un tramo de 33 quilómetros do río Lérez está xa avanzada cunha actuación sobre a metade do espazo sobre o que se vai actuar, 16 quilómetros xa.
Así o anunciou este mércores a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a unha das zonas fluviais nas que se está a intervir actualmente, na illa do Pego, en Campo Lameiro. Acompañouna o alcalde, Carlos Costa.
A previsión é que os traballos sobre os 33 quilómetros de río se poidan completar no outono do vindeiro ano nos tres concellos polo que discorren, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Pontevedra.
A intervención , que promove a Xunta de Galicia desde o pasado verán, tamén actúa sobre as marxes do río e suporá un investimento total previsto de preto de 350.000 euros.
Segundo os técnicos, antes da intervención, a illa do Pego estaba colonizada por mimosas nun 80%. Como solución, planificouse unha actuación sobre unha hectárea de superficie e aínda que os traballos non están rematados, xa se eliminaron 1.215 exemplares desta invasora mediante a aplicación dunha técnica especial que provoca o secado e a morte da planta sen necesidade de aplicar fitocidas.
A erradicación de mimosas e de falsas acacias (outra especie invasora abundante na zona) é unha das principais actuacións que se acometeu nos últimos meses, traballos fundamentais para garantir a restauración do bosque de ribeira orixinal.
Tras a eliminación destas plantas invasoras na illa do Pego estase a proceder xa á plantación de árbores autóctonas en puntos sensibles localizados nas marxes do río co fin de evitar, na medida do posible, os efectos negativos de eventuais riadas sobre as zonas de ribeira.
A intervención está enmarcada no proxecto Mil Ríos que se puxo en marcha en 2022 grazas aos fondos europeos do programa Next Generation. Ten un orzamento global de 5 millóns de euros para o período 2022-2024 e trátase dun plan de actuación integral para mellorar o estado ecolóxico e a adaptación ante o cambio climático de medio cento de ríos e zonas húmidas de Galicia, coa previsión de actuar sobre ao redor de 470 quilómetros.