Policías dacabalo patrullan os montes: "Cando está a Unidade de Cabalería o índice de incendios é mínimo"
Por María José Pita & Mónica Patxot
A Unidade Especial de Cabalería da Policía Nacional empeza este mes de xullo a súa misión na provincia de Pontevedra de vixilancia preventiva para evitar incendios forestais e protexer os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago.
Na súa segunda xornada de traballo, facía unha parada nos xardíns da Praza de España pontevedresa, onde era recibida polo Subdelegado do Goberno, Abel Losada, e o Comisario Xefe Provincial de Pontevedra, Juan José Díaz.
Abel Losada explicaba que "a unidade equina do Corpo Nacional de Policía son seis cabalos que van permanecer na provincia de Pontevedra durante os meses de xullo e agosto, vinculada, por unha banda, ao Plan Pladiga de Loita contra os Incendios Forestais e tamén no tema de seguridade do Camiño de Santiago".
Cada verán, dende 2013 esta Unidade desprégase nos montes e camiños da provincia, aínda que, se é requirida, pode ampliar o seu radio de acción a toda Galicia. Trátase dunha unidade itinerante que está radicada en Madrid.
Para este dispositivo especial de verán, "temos dúas sedes: en Santiago, cun equipo que son nove funcionarios e seis cabalos, e en Pontevedra, para a zona sur, igual, nove funcionarios e seis cabalos", afirmaba o subinspector do Corpo Nacional de Policía Julio Serrano, que é o encargado desta Unidade de Cabalería.
É o cuarto ano que o subinspector Serrano se encarga deste despregamento. "A miña experiencia é moi boa porque cando está a Unidade de Cabalería o índice de incendios é mínimo, polo menos nas nosas zonas da Policía Nacional, iso significa que o traballo que fan os compañeiros é moi bo", sinala.
Os seis equinos que patrullarán en Pontevedra responden os nomes de Pelirón, Falce, Garceta, Telva, Ugena e Tecaria
Os seis equinos que patrullarán en Pontevedra, catro eguas e dous cabalos, responden os nomes de Pelirón, Falce, Garceta, Telva, Ugena e Tecaria. Cinco deles son de pura raza española e un de raza hispanoárabe.
Estes cabalos, procedentes dos Centros de Cría Cabalar das Forzas Armadas, están especialmente preparados, pola súa natureza, para desprazarse por diferentes terreos rurais e de monte, onde se require unha maior capacidade física do animal.
A maiores, realizan un adestramento intensivo para que poidan manter a calma fronte a estímulos que lles asustan, como ruídos fortes, tiros ou fume. Tamén están adestrados para facer fronte a aglomeracións, como as que se produciron na súa recente actuación na romaría do Rocío.
O subinspector encargado da Unidade de Cabalería destacaba que os cabalos permiten aos axentes "o acceso a lugares do monte que cos vehículos de motor non se pode acceder". Unha característica que favorece a detección temperá de incendios forestais e o aviso inmediato os servizos de emerxencia, así como colaborar, de ser necesario, na evacuación das zonas onde se produciron.
Relacionadas:
-
Localizan nunha zona de difícil acceso o veciño de Marín de 80 anos desaparecido desde o domingo
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Espectacular presentación da Unidade de Cabalería que patrullará montes e camiños
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
A Policía Nacional saca a cabalería para axudar ao peregrino e previr incendios
Por Natalia Puga |