Restaurada a estela romana de San Cristovo de Couso
Por Oskar Viéitez
O Concello de Campo Lameiro informou que remataron "con éxito" os traballos de restauración dunha estela romana "con case 2.000 anos de antigüidade" ubicada na igrexa de San Cristovo de Couso.
O Concello contou cunha achega da Deputación de Pontevedra para sufragar estes traballos que contaron con todas as autorizacións pertinentes así como cos permisos do Arcebispado de Santiago de Compostela e Patrimonio da Xunta de Galicia.
A actuación consistiu na retirada da peza do chan e a recolocación de pé anclada nunha das paredes da propia igrexa, onde ademais de poder ser vista e visitada pola persoas interesadas mellorará as súas condicións de cara á conservación.
Realizouse tamén unha limpeza e restauración da superficie da estela, para eliminar a suciedade acumulada co paso do tempo, os restos de cera e os restos de cemento que ocultaban parte da inscrición, así como un rexistro con fotogrametría para a elaboración dun modelo en 3D.
A gran sorpresa durante a realización dos labores de restauración foi que a peza conservaba uns 35 cm. máis do que se podía ver antes do seu levantamento, polo que agora a inscrición conta con tres liñas de texto inéditas ata o momento, ademais de recuperar a primeira liña de letras que se atopaba oculta polas xuntas de cemento.
En xeral o estado de conservación da estela é moi bo, contando só cunha pequena falla na base e a perda dunha das letras por un repicado realizado moi probablemente polos canteiros que a colocaron no chan.
As estelas son unha fonte de información moi importante sobre a época romana xa que son monumentos funerarios que contan con inscricións e gravados con referencias aos deuses, as persoas, os ritos e as crenzas.
Esta peza era xa coñecida, porque se atopaba formando parte do solado da sancristía da igrexa parroquial, no punto no que se accedía á zona do altar.
Relacionadas:
-
Así bendixeron os turismos en San Cristovo de Couso: con capacho e xesta
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación financia proxectos de rehabilitación en cinco igrexas e elementos patrimoniais da comarca
Por Redacción |
-
Restauran os restos dun baldaquino do século XVI descuberto na igrexa de San Isidro de Montes
Por Redacción |