Outorgan nove licenzas de obra, entre elas a un edificio de 33 vivendas na Rúa Virxinia Pereira
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra aprobará este xoves ata nove licenzas urbanísticas que, en diferentes eidos, contribuirán a seguir movendo o mercado inmobiliario na cidade.
A máis destacada é a correspondente á autorización de nova construción para un edificio de 33 vivendas situado na rúa Virxinia Pereira, solicitada pola promotora Bunac Promociones, según informou o concelleiro responsable da área de urbanismo, Alberto Oubiña.
Dentro das consideradas licenzas para rehabilitacións aparecen dous permisos máis.
Un deles é para unha vivenda unifamiliar na Rúa das Camelias, en Lourizán, que inclúe unha pequena ampliación; e o outro permitirá a rehabilitación dun edificio plurifamiliar en Xoan Manuel Pintos, que mellorará a súa eficiencia enerxética a través de paneis exterior ventilados.
Ao respecto das licenzas para cambios de uso, aparece un entresollado no número 24 da rúa San Antoniño, xusto enriba do bar Nós, que estaba como terciario local e pasará a ser residencial-vivenda.
No referido ás licenzas para ampliar prazos de execución serían tres: unha para remodelar unha vivenda na rúa Benito Corbal; a segunda, unha vivenda unifamiliar na Rúa de Cobas e, en terceiro lugar, a residencia de estudantes de Abanca, que se amplía ata o 14 de agosto.
Doutra banda, figuran as licenzas que derivan doutras administracións.
De tal xeito, a primeira delas sería a solicitada pola Deputación de Pontevedra para a limpeza dunha parte do muro de Santa Clara, para estudar, facer seguimento e realizar unha análise deste elemento para comprender e saber que medidas se deberán tomar no futuro.
"É unha solicitude de limpeza que é probable que no futuro derive nunha solicitude de rehabilitación", explicou Oubiña. Presentaron a petición o 17 de xuño e será aprobada este xoves para facer un recorte de vexetación con medios manuais.
Seguindo coas demais licenzas, figura a concesión dunha licenza urbanística para execución de obras de construción, acondicionamento e instalación dun pavillón auxiliar e uso terciario no Pazo de Miradores, que se sitúa na parroquia de Salcedo.
Tal e como indicou o edil, trátase dun espazo para comedor e servizos, ademais dunha zona de aparcadoiro eventual. A construción deste pavillón estaría fóra da zona de afectación do pazo do século XVIII, catalogado no propio plan xeral de Pontevedra.