Lores reivindica os seus 25 anos como alcalde afirmando que Pontevedra "non vai renunciar a seguir avanzando"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Nun Teatro Principal cheo e arroupado polo seu círculo de confianza. Así celebrou este sábado Miguel Anxo Fernández Lores os seus 25 anos como alcalde de Pontevedra.
O rexedor, acompañado da portavoz nacional do BNG Ana Pontón, reivindicou o seu traballo convencido de que "a viaxe conxunta ao porvir" que a Boa Vila iniciou en 1999 co seu acceso á alcaldía "aínda ten moitas etapas que avanzar, probablemente as máis importantes por percorrer" con el á fronte do goberno local.
Lores defendeu que os retos por vir "son de aúpa", polo que apostou por seguir confiando no modelo de cidade nacionalista que situou a Pontevedra nunha posición avanzada con respecto a outras localidades. "Entre todos e todas vamos a seguir avanzando, superando retos e conquistando un futuro mellor. Pero estou convencido de que Pontevedra os vai superar con éxito. Pontevedra non vai renunciar a seguir avanzando, a ser un concello de vangarda", afirmou o alcalde.
"Pontevedra avanzou neste 25 anos máis que a maioría das cidades en 50 anos", defendeu na súa intervención reivindicando o modelo de cidade, a calidade de vida, as solucións para o ciclo da auga, as zonas de baixas emisións ou a compostaxe que, asegura, tentaron copiar noutras cidades.
"Tras estes 25 anos a realidade superou as mellores previsións", insistiu Fernández Lores asegurando que en todo caso foi un mérito colectivo porque "sen o meu equipo, sen a miña organización e, sobre todo, sen a colaboración e implicación dos sectores máis dinámicos, das persoas que lle queren a Pontevedra e buscan un futuro mellor para Pontevedra, non tería sido posíbel avanzar a enorme velocidade que se avanzou".
INTERVENCIÓN DE ANA PONTÓN
Ao escenario do Teatro Principal subiron tamén a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galega, Ana Pontón.
"Que se preocupen na banda da dereita porque hai Lores para dar e tomar", sinalou Pontón mostrando o seu "agradecemento e orgullo" polo "xigantesco" labor desenvolvido todos estes anos desde a alcaldía da Boa Vila transformando a cidade e colocándoa como "un referente internacional de calidade de vida e benestar e, sobre todo, que mellorou a vida da xente".
Por todo iso a líder nacionalista fixo referencia a un futuro no que ve a Lores "ilusionado, con proxectos e con ideas" para conseguir facer da próxima década "a de maior avance, modernización e dinamismo da historia de Pontevedra".