Lores xa é pensionista e non cobrará salario como alcalde de Pontevedra
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Miguel Fernández Lores xubílase como médico de familia tras cumprir, o pasado 7 de xuño, os 70 anos, que é a idade límite para prolongar a vida laboral dos médicos da sanidade pública.
Unha resolución municipal, publicada este venres na web do Concello e asinada pola primeira tenente de alcalde, Eva Villaverde, confirma a renuncia á dedicación exclusiva que desde 1999 asumía Lores como alcalde.
Agora o rexedor pasará a ser pensionista e xa non percibirá un soldo do Concello que era duns 74.000 euros brutos ao ano. Iso si, seguirá cobrando uns 450 euros por sesión plenaria e 300 polas Xuntas de Goberno, as mesmas indemnizacións por asistencias que reciben os concelleiros que non teñen dedicación exclusiva.
Nesta condición que agora estrea o alcalde xa estaban outros dous concelleiros do BNG, César Mosquera e Raimundo González. E anteriormente tamén viviron esta situación Pilar Comesaña e Vicente García Legísima.
Coa xubilación de Lores, o custo anual de nóminas dos políticos da Corporación municipal de Pontevedra reducirase nun 11,4% e quedará en 573.707,65 euros.
Así, o grupo municipal do BNG pasa de sete concelleiros liberados a seis: Eva Vilaverde, Anabel Gulías, Demetrio Gómez, Alberto Oubiña, María Xosé Abilleira e Xaquín Moreda. O PP segue con tres dedicacións exclusivas repartidas entre seis concelleiros: Rafa Domínguez, Guille Juncal, Silvia Junco, Martín Martínez, Juanma Muñoz e Gerardo Pérez Puga. E os socialistas teñen liberados a dous edís: Yoya Blanco e Marcos Rey.