En xullo trasladarán a Sanxenxo a ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés sen data de volta
Por Anxo Lourido
A ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés (Vilagarcía de Arousa) trasladarase o 1 de xullo ao Centro de Saúde de Baltar, no municipio de Sanxenxo.
A medida efectúase nos últimos anos por decisión da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 ao entender que é preciso trasladar a base desta ambulancia á vila turística debido ao notable incremento de poboación que se rexistra na contorna de Sanxenxo durante os meses de verán.
O persoal encargado do servizo vive este traslado con maior preocupación este ano. Sinalan que a base do Hospital do Salnés está pendente da execución dunhas obras.
"Debido a deficiencias que había na base, tanto Sanidade, Inspección de Traballo e o xulgado obrigaron ao Sergas e ao 061 a remodelar esta base que estaba en situacións deplorables porque ata o despacho estaba ao carón do depósito de cadáveres", afirma César Rajoy, integrante do persoal do servizo de ambulancias e delegado da CIG.
Con todo, o 061 non os informou do tempo en que a base permanecerá pechada. A situación provoca incerteza entre os traballadores: "o 061 di que vamos ir o día 1 a Sanxenxo pero non di canto van durar as obras nin onde vamos estar. Tanto os médicos, técnicos e persoal de enfermería non sabemos nada sobre iso", indica o representante sindical.
Desde a CIG tampouco entenden que siga priorizándose a atención sanitaria en Sanxenxo durante o verán mentres quedan desprotexidas as comarcas de Caldas e de Arousa por tempo indeterminado.
"Entendemos que ten que haber unha ambulancia medicalizada e máis apoio durante o verán en Sanxenxo, pero non meter nun sitio quitando dous outros", expón César Rajoy.
Sinala que desde a base no Hospital do Salnés a ambulancia medicalizada, que se utiliza para casos graves como ictus, infartos ou accidentes en que corra perigo a vida das persoas, se traslada ao centro do municipio de Caldas en sete minutos ou mesmo en menos tempo para atender unha urxencia.
César Rajoy: "Se hai un ictus de noite ou nun día de néboa, a xente de Caldas está desprotexida"
"Cando imos para Sanxenxo, a ambulancia é inoperativa para a zona de Caldas", sinala o técnico estendendo este problema a municipios como Cuntis, Portas, Vilagarcía de Arousa, Vilanova ou Catoira.
"Desde o 061 din que teñen un helicóptero pero só funciona de día e con bo tempo. Se hai un ictus de noite ou nun día de néboa, a xente de Caldas está desprotexida", argumenta o delegado sindical xa que a ambulancia de soporte vital básico carece de capacidade para trasladar ao paciente directamente ao Hospital de Santiago ou ao de Vigo para unha intervención rápida, como si podería facer a medicalizada.
Lembra que neste tipo de casos de gravidade, reducir os tempos de intervención é vital. Por este motivo, desde a CIG non entenden como os gobernos locais dos municipios afectados por esta decisión non reclaman outra ambulancia medicalizada durante os meses de verán.
"Non lle dan o valor real que ten unha ambulancia medicalizada. É unha UCI móbil que se despraza por todos os Concellos. Ten máis importancia o traslado desta ambulancia que se lle trasladasen para Sanxenxo a todos os médicos do PAC", insiste César Rajoy afirmando que ningún centro de saúde nin mesmo algúns hospitais contan con electromedicina nin elementos de soporte vital que si se empregan nos vehículos medicalizados.
Lamentan que os cambios na Consellería de Sanidade e na dirección do 061 non tiveran repercursión na mellora da atención durante os meses de verán nas comarcas de Arousa e Caldas.
Relacionadas:
-
Sanxenxo pon ao dispor de Sanidade dúas vivendas para médicos
Por Redacción |
-
Reforzo de catro médicos de Atención Primaria para este verán en Sanxenxo
Por Anxo Lourido |
-
Ambulancias Civera continúa co servizo de transporte programado en Pontevedra ao quedar deserto o concurso
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
A CIG reclama máis medios no transporte sanitario urxente do 061 en Pontevedra-O Salnés
Por Oskar Viéitez |