Investigan a aparición de ósos humanos nunha leira chea de maleza en Arcade
Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén aberta unha investigación desde a tarde deste martes para aclarar a aparición de varios restos óseos nunha leira da localidade de Arcade, en Soutomaior.
Segundo as fontes consultadas por PontevedraViva, os restos apareceron nunha leira chea de maleza que estaban a rozar no barrio do Conde. Fontes extraoficiais falan duns ósos e un cranio.
A Garda Civil recibiu o aviso ás 17.00 horas e sinala que, en principio, todo apunta a que se trata de ósos humanos, aínda que é prematuro concretar máis datos. Descoñécese se se corresponden cunha muller ou un home e calquera outro dato como a idade.
Fontes da Garda Civil confirman que os ósos levarían moito tempo na leira, pero tampouco se pode concretar canto ata que se realice unha análise forense.
Os axentes recibiron o aviso sobre as 17.00 horas deste martes e de inmediato desprazouse ao lugar a Garda Civil e tamén efectivos especializados da Unidade Orgánica de Policía Xudicial.
A zona quedou acordoada para permitir que os axentes realizasen o seu traballo e recollesen os restos localizados. Agora, tocará realizar análises forenses e probas de ADN para poder determinar con quen se corresponde os restos.
En Arcade buscan desde fai tres anos á veciña Manuela Barbosa, que desapareceu en 2021, cando tiña 66 anos, pero a Garda Civil descarta establecer calquera relación entre esta desaparición e o achado deste martes.
Relacionadas:
-
"Todo indica" que os ósos localizados en Arcade pertencen a Manuela Barbosa, desaparecida en 2021
Por Natalia Puga |
-
A procura de Manuela Barbosa amplíase a Pontevedra e Marín tras 15 días desaparecida
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Rastrexan o río Verdugo para localizar a Manuela Barbosa, desaparecida en Arcade
Por Redacción |