A mortalidade pola calor sitúase nos 29,5 graos nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
O risco para a saúde pola calor varía en función da orografía da zona de residencia.
Para un veciño de Pontevedra, 29,5 graos pode ser xa unha temperatura perigosa. O limiar situaríase, con todo, en 33,3 para un de Cerdedo, mentres que para o veciño do municipio lucense de Chantada, o termómetro debería superar os 32,2 graos.
Por cada grao extra que a temperatura supera eses limiares, o risco de mortalidade crece entre un 9,1% e un 10,7%.
O Ministerio de Sanidade acaba de activar un mapa moi preciso, con 180 zonas, para medir o impacto da calor na saúde, dividido en áreas xeográficas con limiares de temperatura máxima, agrupando todos os municipios que comparten características climáticas similares dentro de cada provincia.
A ministra de Sanidade, Mónica Garcia, presentou a campaña "Un Verán de Coidado," que ten como finalidade desenvolver unha cultura da calor fomentando hábitos individuais e colectivos de autoprotección e coidado para reducir os impactos da calor na saúde.
Outro obxectivo desta campaña é comunicar consellos de maneira efectiva, transmitindo de forma clara e concisa as medidas de prevención e protección fronte ás altas temperaturas.
Por último, tamén se pretende resaltar a dimensión comunitaria, salientando a importancia do coidado mutuo e a responsabilidade colectiva na protección fronte á calor.
As zonas de España máis calorosas xa teñen unha certa cultura da calor que hai que reforzar e renovar, dixo a ministra, "e que temos que trasladar a zonas que tradicionalmente non eran tan calorosas no verán e que agora polo cambio climático si o van a ser".
O verán pasado foi o máis caloroso xamais rexistrado no Planeta, e en España máis da metade do mes de agosto estivo baixo avisos de ondas de calor. Desde o sistema europeo de satélites Copernicus xa advertiu que existe unha alta probabilidade (por encima do 70%) de que este verán volva ser máis cálido do normal.
Segundo as estimacións do sistema de monitorización da mortalidade diaria por todas as causas (MoMo), o ano pasado o exceso de mortalidade atribuíble ao exceso de calor foi de 3.009 casos.
Neste contexto, lembrou Mónica García, "é esencial ser claros e contundentes: o negacionismo climático é prexudicial para a saúde. O negacionismo climático, pero tamén as posicións políticas que o branquean. Negar a realidade do cambio climático é poñer en risco a saúde da poboación, así que o primeiro paso para enfrontar esta emerxencia climática é rexeitar contundentemente aqueles discursos que o amparan".