Con 28,9 graos de temperatura actívase a alerta por calor en Pontevedra
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ea4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5b618bb611-57cfad3684-20160906-patxot-calor-083.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/97d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/664724c251-espanaumbralestmax2024.png)
© Ministerio de Sanidad
O Ministerio de Sanidade activou o Plan Nacional de Accións Preventivas dos Efectos do Exceso de Temperaturas sobre a saúde.
O obxectivo é previr e mitigar os efectos negativos que a calor excesiva pode ter sobre a saúde da cidadanía, especialmente nos grupos de risco ou máis vulnerables, como persoas maiores, mulleres gestantes, menores e persoas con enfermidades crónicas, así como naqueles colectivos que desempeñan o seu traballo ou realizan esforzos ao aire libre.
O plan define para cada zona territorial un limiar de temperatura de impacto en saúde a partir do cal se observou unha relación estatística significativa entre mortalidade e calor.
Pontevedra marca un limiar de risco para a saúde de 28,9 graos.
En Galicia hai ata dez graos de diferrencia entre as catro provincias, situando o límite de risco máis baixo na provincia da Coruña, con 27,5 graos, e o máis alto na de Ourense que o fixa en 37,4 graos. O da provincia lucense é de 32,3 graos.
En España, o exceso de calor que dispara o risco para a saúde e a mortalidade asociada vai desde os 26,4 graos en Asturias, como limiar máis baixo, ata os 41,4 en Córdoba.
Este risco tamén prevé un cálculo da mortalidade asociada que se incrementa entre un 9,1% e un 10,7% por cada grao de máis que marque o termómetro, a partir dese límite. É dicir, o perigo de morrer por causa das altas temperaturas crece porcentualmente e por cada día que haxa un episodio de calor extrema, a mortalidade increméntase, de media, en 3 defuncións ao día.
O Plan Nacional de Actuacións Preventivas dos Efectos dos Excesos de Temperaturas Sobre a Saúde de 2024, estará vixente ata o próximo 30 de setembro, aínda que coa flexibilidade de prolongalo ao 15 de outubro se así fose necesario.
Sanidade leva 20 anos executando este plan, aínda que desde fai dous adiantou o seu arranque de xuño a mediados de maio ante os cada vez máis frecuentes e prolongados episodios de calor extrema a partir destas datas.