A praia da Concha-Compostela queda sen fogueira e seguirá valada por treitos durante o verán
Por María José Pita
O pasado 25 de abril comezaban os traballos de rexeneración medioambiental das praias da Concha e Compostela, en Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de erradicar a planta invasora do cadillo e para mellorar a calidade da area.
O proxecto de rexeneración ten un custo de 528.435 euros que financia Costas do Estado e estase a actuar sobre unha superficie de area de 65.000 metros cadrados. O prazo de execución é de cinco meses aínda que, a petición do Concello, os responsables de Tragsa, a empresa pública encargada de acometer esta obra, comprometéronse a tratar de acurtar os tempos dada a proximidade do verán.
Con todo, a intención é que esta actuación entorpeza o menos posible a visita de bañistas ao amplo areal que forman as dúas praias comunicadas entre si.
A piques de rematar a primeira fase, que comezou pola zona do piñeiral da Concha, aínda permanece o valado neste treito máis próximo ao casco urbano de Vilagarcía.
Fontes municipais indican que os traballos nesta zona están finalizados e que, en breve, será retirado este peche para proceder a acoutar a seguinte área obxecto de rexeneración, a que corresponde co treito cara a Carril, en terreo da praia de Compostela.
Estas obras van impedir que tanto na Concha como en Compostela se celebren as tradicionais fogueiras de San Xoán o próximo 23 de xuño. Porén, outro dos eventos do verán por excelencia, o Atlantic Fest, si ten prevista a súa celebración os días 19, 20 e 21 de xullo na praia da Concha.
Nos meses de verán, Vilagarcía de Arousa multiplica a súa poboación e o extenso areal de máis de dous quilómetros é cita habitual para centos de bañistas.
Para dar reposta ás súas inquedanzas, dende o Concello lémbrase que a actuación estase a executar mediante un sistema de cuadrículas, polo que se vai valando sucesivamente por treitos para non impedir o uso público da praia.
Ademais, entre o valado, tamén están habilitados corredores para que as persoas non teñan que percorrer longas distancias para acceder dende o paseo ata a praia. Non está afectada, polo tanto, a franxa de area da zona de baño e tampouco as concesións marisqueiras.
PROBLEMÁTICA DO CADILLO
O cadillo é unha especie invasora que se establece nas praias areosas onde, aparte de competir coa vexetación nativa, resulta un perigo para os paseantes e bañistas, xa que as robustas espiñas que posúe producen dolorosas picadas nos pés descalzos.
É unha planta que adoita arrincarse manualmente, un método que dado o extenso do areal da Concha-Compostela resulta inasumible.
O procedemento que se está a seguir nestes traballos é, primeiro, a retirada da capa máis superficial da area, unha lámina duns 30 centímetros de grosor na que se concentra a semente do cadillo. En segundo lugar, ábrense gabias duns 2 metros de profundidade onde se bota a area extraída con anterioridade. O terceiro paso é achegar auga salgada para contribuír a desecar as sementes. E, por último, vólvense cubrir as gabias coa area retirada anteriormente.