Nace 'A Orghullosa', a festa das identidades diversas e disidentes
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Os días 28 e 29 de xuño Soutomaior celebrará o día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ coa súa festa, A Orghullosa. Unha cita que contará con moitas actividades, todas elas de balde, entre as que destacan unha andaina, obradoiros, faladoiros e concertos.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Cristina García presentaron esta festa que se celebra baixo o paraugas do programa Soutomaior Inclusivo.
A festa estará adaptada para que todas as persoas que queiran, sen importar a súa condición, poidan desfrutar de todas as actividades. Así, haberá cascos antirruído e unha plataforma para que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar dos concertos.
Para dar comezo a esta celebración lánzase a iniciativa "Fiestras Orghullosas". O Concello porá a disposición de todas as persoas empadroadas interesadas unha bandeira para decorar as súas fiestras e balcóns como visibilización do orgullo LGTBIQ+. As inscricións para poder recoller dita bandeira seránpor internet do 17 ao 21 de xuño.
O día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, o 28 de xuño, chegará cun obradoiro de 'Contos e Legos' impartido pola sexóloga Hadriana Ordóñez e cun faladoiro sobre a realidade LGBTBIQ+ actual.
O día grande será o sábado 29, no que as actividades comezarán ben cedo cunha andaina reivindicativa polos dereitos LGTBIQ+ que terá como punto de partida o aparcadoiro do castelo de Soutomaior. Contará cun percorrido de 9 kilómetros e a súa inscrición será 'on line' a partir do 8 de xuño.
Trala andaina a festa trasladarase ao peirao, onde terá lugar unha sesión vermú a cargo do Dúo Aldaolado seguido do Mari Picinc onde toda persoa que desexe participar poderá facelo levando unha tortilla, un bolo de pan e un instrumento e, como dixo a concelleira Rosana Martínez Boullosa, "tendo ganas de compartir".
Xa pola tarde terá lugar o obradoiro de "Contos e Legos" impartido por Hadriana Ordóñez e o laboratorio creativo de bordado impartido por Maritza Berttolini, onde as persoas participantes poderán deseñar e crear a súa propia bandeira de A Orghullosa. As inscricións para este obradoiro abriranse, en liña, o 17 de xuño.
E ás 19:30 horas, as crianzas poderán desfrutar dun obradoiro de construción comunitaria dunha bandeira xigante de globos LGTBIQ+.
Xa pola noite chegarán os pratos fortes desta Orghullosa co directo de Flor do Toxo ás 21:00 horas e o de Mondra, que dará comezo ás 23:00 horas. Ambos concertos terán, como o resto das actividades entrada libre e serán no peirao de Arcade.
Durante todo este tempo, de 21:00 a 00:30 horas tamén estará aberta a 'Punta Orghullosa', un punto de información sobre asociacións LGTBQ+ en Galicia e tamén con información do Punto Lila para prevención das violencias machistas.
Todas as actividades organizadas en torno á Oghullosa serán de balde e as que precisan inscrición serán en https://www.gabinetesoutomaior.com/
Dende o Concello convidan a todas as persoas a desfrutar desta festa en igualdade e respecto.
Relacionadas:
-
A Orghullosa enche Soutomaior de Orgullo ao ritmo de de Flow do Toxo e Mondra
Por Redacción |
-
O Orgullo reivindica que "Pontevedra é diversa" e pide "avanzar en dereitos para ter referentes"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pontevedra homenaxea á 'Señorita Carmiña': "O diferente non é malo, só é diferente, pero á súa vez igual"
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
A instalación de contadores permite a Soutomaior aforrar no consumo do alumeado público
Por Oskar Viéitez |
-
Queres facer unha fogueira privada en San Xoán? Xa o podes comunicar no Concello
Por Redacción |
-
A música, protagonista do San Xoán de Soutomaior con Dakidarría, Festicultores Troupe e a Orquestra Claxxon
Por Redacción |
-
Nace a marca Enoturismo de Soutomaior, para englobar todas as actividades vencelladas co albariño
Por Redacción |