Investigan por tráfico de drogas dúas persoas localizadas con cocaína e haxix nun control na AP-9 en Caldas
Por Natalia Puga
A Garda Civil investiga dúas persoas que o pasado martes foron sorprendidas na peaxe da autoestrada AP-9 en Caldas con cocaína e haxix no coche.
Os axentes realizaban un dispositivo de control de vehículos no acceso á AP-9 cando observaron un vehículo ocupado por dúas persoas no que o acompañante empezou a moverse de forma nerviosa, realizando manobras para ocultar algún obxecto ou pertenza.
Os gardas realizaron un rexistro do interior do vehículo e localizaron diversas cantidades de droga que os dous ocupantes recoñeceron que eran haxix e cocaína.
No compartimento da porta do condutor localizaron un gramo de substancia sólida de cor marrón, supostamente haxix dentro dun paquete de tabaco.
Tamén localizaron oculta nun pequeno oco debaixo da radio unha bolsa transparente envasada ao baleiro cunha substancia rochosa e polvorienta de cor branca, aparentemente cocaína, cun peso de 100 gramos.
Ademais, realizaron un cacheo superficial e localizaron nun peto do copiloto un envoltorio plástico de cor branca, con 0,25 gramos do que parecía cocaína e noutro peto, 930 euros en efectivo, repartidos billetes de distinto valor.
Os dous están investigados como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. Trátase de dous veciños de Vigo de 47 anos con antecedentes policiais.