"Non queremos unha guerra co lecer nocturno, pero defenderemos o dereito dos veciños ao descanso"
Por Alejandro Espiño
Os veciños do centro histórico de Pontevedra aseguran estar "preocupados" ante os movementos que se están producindo co obxectivo de cambiar o Peprica, o plan de protección histórico-artístico que regula a zona vella da cidade.
"Sentímonos ninguneados", asegura a portavoz da asociación veciñal de Santa María, Pilar Señoráns, que lamenta que "en ningún momento" ninguén se puxo en contacto con eles para trasladarlles a súa intención de impulsar a modificación do plan que pide o lecer nocturno.
Señoráns, que afirma que se enterou pola prensa da intención do PP de presentar unha moción ao pleno municipal para pedir cambios neste plan, afirma que "me dá a sensación de que non se tivo en conta aos veciños".
Os residentes do centro histórico, segundo esta veterana dirixente veciñal, "non estamos aquí por casualidade" e reivindica que son eles "os que damos vida" a este ámbito da cidade. "Se non hai habitantes, isto merre", advirte en declaracións a PontevedraViva.
Pilar Señoráns censura que "non sabemos o que queren facer ou onde van cambiar" este plan de protección que, ao seu xuízo, serviu para que o centro histórico tivera "un cambio para ben" e que durante todo este tempo houbese unha boa convivencia coa hostalería.
A este respecto, aclara que os veciños "non queremos unha guerra co lecer nocturno", ao entender que "cada un mira polos seus intereses", pero sostén que os residentes na zona monumental de Pontevedra "queremos defender o dereito dos veciños ao descanso".
"Merecemos un respecto. Sentímonos incómodos porque non nos escoitaron nin nos consultaron para nada", reitera a portavoz dos veciños do centro histórico, que pediu reunións cos tres partidos políticos para abordar esta cuestión.
Polo momento só lles atendeu o BNG, que os recibirá mañá xoves. "Aos demais chamámoslles pero aínda non nos contestaron", desvela Señoráns, que alerta que "nos podemos cargar a zona vella facilmente cunha xestión pouco reflexionada e non consensuada".
Engadiu que "conseguimos moito" ao longo de todos estes anos "e non podemos estragalo por unha mala reflexión", xa que insiste que "o mínimo" que reclaman os veciños é "que nos escoiten porque somos os que temos experiencia do que vivimos".
A portavoz veciñal censura que se propoña un cambio neste plan desde "posicións unilaterais" e polo feito de que "protesten algúns", porque engade que "se é unha cuestión de investimentos todos fixémolos", no seu caso nas súas propias vivendas.
Os veciños temen que unha lexislación máis laxa neste sentido volva encher o centro histórico de "ruído, vasos tirados e música ata horas intempestivas", de forma que o camiño percorrido por toda a sociedade pontevedresa para recuperar esta zona "quede en nada".
Relacionadas:
-
"Habería que poñer unha coroa á hostalería porque damos oportunidades de traballo a persoas sen formación"
Por Redacción |
-
O lecer nocturno nega ter pedido "barra libre" de licenzas senón protexer as vixentes
Por Alejandro Espiño |
-
O centro histórico non volverá á "época negra dos 90", advirte o goberno municipal a PP e PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local confirma a veciños e comerciantes do centro histórico que non modificará o Peprica
Por Redacción |
-
Mosquera rexeita a posibilidade de converter o centro histórico nun "parque temático" do lecer nocturno
Por Oskar Viéitez |
-
Eva Vilaverde acusa o PP de "magnificar" os problemas de seguridade cidadá en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pepa Pardo reclama modificar o Peprica ante o "clamor" do lecer nocturno e a hostalería
Por Redacción |
-
O PSOE urxe a modificación da normativa para favorecer a actividade da hostalería do lecer nocturno no centro histórico
Por Oskar Viéitez |
-
BNG, PSOE e PP abren a porta a modificar o Peprica para regularizar o lecer nocturno pontevedrés
Por Manu Otero |
-
O lecer nocturno vese abocado á desaparición pola imposibilidade de adaptar os seus locais á normativa urbanística
Por Manu Otero |