A mellora da estrada entre Almofrei e Xesteira, "mostra do compromiso da Deputación coa rede de estradas provinciais"
Por Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia da colaboración entre institucións para mellorar as infraestruturas da provincia como a estrada provincial EP-0405 entre as localidades de Xesteira e Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, que está sendo obxecto dunha obra de ampliación e mellora da seguridade viaria ao longo dun treito de 1,5 quilómetros.
Esta mellora é unha "mostra do compromiso da Deputación coa rede de estradas provinciais", dixo. "Este tipo de obras é unha desas iniciativas que dan sentido á acción de goberno da Deputación", afirmou Luis López.
A actuación, que é froito dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade, conta cun orzamento total de 950.000 euros, dos que o goberno provincial achega o 70 %, arredor de 665.000 euros, mentres que o goberno local asume o 30 % restante, uns 285.000 euros, e o custo total das expropiacións e cesión dos terreos que rolda os 2.000 euros.
Os traballos, que comezaron hai menos dun mes e deben estar rematados nun prazo de seis meses, consisten no ancheamento e mellora da seguridade viaria dun treito de 1,5 quilómetros entre os núcleos de Xesteira e Almofrei. Para logralo, o proxecto contempla a ampliación do ancho da vía ata un mínimo de 7 metros e a implantación de beiravías e cunetas transitables, así como a creación de zonas de convivencia á altura de dous núcleos con casas coa instalación dunha plataforma sobreelevada de formigón coloreado.
Do mesmo xeito, colocaranse elementos de calmado de tráfico, soterraranse as redes de pluviais e de alumeado e haberá nova sinalización vertical e horizontal.
Acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial, Jorge Cubela, así como pola deputada responsable de Infraestruturas, Isabel Couselo; o titular do goberno da Deputación lembrou outro dos convenios asinado a finais do ano pasado para mellorar a seguridade viaria entre Serrapio e Portela, unha obra que está a piques de rematar.
Relacionadas:
-
Comezan as obras da residencia de maiores e o centro de día de Carballedo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade pecha as contas do 2023 cun remanente de tesourería total de 786.820,07 euros
Por Redacción |
-
O Grove solicitou 711.000 euros á Deputación para levar a cabo sete proxectos
Por Redacción |
-
A Deputación adxudica as obras de mellora integral da estrada provincial A Xesteira- Almofrei
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación mobiliza preto dun millón de euros para transformar a estrada de Almofrei
Por Oskar Viéitez |