Un xurado popular xulgará desde este luns a José Eirín, acusado de asasinar a Jéssica Méndez en Barro
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este luns día 11 de marzo, o xuízo contra José Eirín acusado dun delito de asasinato con aleivosía, coa agravante de xénero, polo que se enfronta a 24 anos de prisión e indemnizacións que suman uns 385.000 euros.
O suposto autor da morte de Jéssica Méndez en marzo de 2022 será xulgado por un tribunal popular.
Así, a sesión deste luns comezará coa conformación do xurado e, unha vez constituído comezará a vista oral. Está previsto que durante os catro días que se espera que dure o xuízo pasen pola sala da Audiencia 19 testemuñas, 9 gardas civís, 5 testemuñas-peritas, 2 médicos forenses e os axentes do equipo de reconstrución de accidentes. As conclusións e informes están previstas, en principio, para a xornada do xoves 14.
O caso chega a xuízo a piques de cumprirse dous anos dos feitos e do ingreso en prisión do acusado. O 17 de marzo de 2022, ás 9.25 horas da mañá, el encaixou o seu coche contra o dela en Porráns, Barro. Ao día seguinte, o 18,ás 10.00 horas, ela morreu no hospital ao non poder recuperarse das graves feridas sufridas.
Ademais da pena de 24 anos de prisión, a Fiscalía pedirá que se lle impoña a pena de afastamento ou de prohibición de aproximación aos familiares da vítima -os seus pais e irmáns- e ao compañeiro sentimental dela no momento do asasinato. Non poderá achegarse ao seu domicilio, ao seu lugar de traballo ou a calquera lugar no que se atopen a unha distancia inferior a 1.000 metros e tampouco comunicarse con eles por calquera medio, xa sexa verbal, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático durante 10 anos.
O fiscal do caso, Alejandro Pazos, formula un duro escrito de acusación contra Eirín, no que é contundente á hora de afirmar que ela é vítima de violencia de xénero a pesar de que non había relación previa entre ambos. Acúsao dun delito de asasinato con aleivosía no que concorre, como circunstancia agravante, cometelo "por motivos ou razóns de xénero".
A agravante de xénero era unha das cuestións sobre as que clamaba a contorna de Jessica desde o principio, pois o acusado e a vítima nunca foran parella, pero el levaba anos acosándoa para que mantivesen unha relación sentimental.
O fiscal non lle acusa por ningún delito de acoso, ao non poderse achegar probas concluíntes dese delito, pero si ten en conta esa situación de acoso previa. "A forma violenta de proceder do investigado debeuse á circunstancia de que durante varios anos nunca obtivo unha resposta da falecida ás pretensións sentimentais ou afectivas que albergaba", sostén o escrito de acusación.
Segundo o fiscal, encaixou o seu coche contra o dela "pola indignación ou o odio que lle xerou o seu silencio ou o seu desprezo durante un período de tempo tan prolongado".
O relato de feitos da Fiscalía sostén que o acusado conduciu o seu vehículo Seat Toledo pola estrada nacional N-550 e, en Porráns, observou que Jessica achábase esperando nun cruzamento para incorporarse á vía principal. Nese momento, "co ánimo de acabar coa vida da condutora" puxo o seu coche a unha velocidade aproximada de 80 e poucos quilómetros por hora e impactou co seu vehículo coa parte central do lateral esquerdo do vehículo dela, que estaba parado.
Xusto impactou coa zona na que se achaba ela e, segundo o fiscal, fíxoo "a propósito" de que este tipo de colisión "pode ocasionar a morte da condutora". Desta forma, "asegurou así a execución do seu propósito de matar" a Jessica "sen darlle ningunha posibilidade de reacción ou de defensa".
O escrito da Fiscalía tamén inclúe unha petición de indemnización para os achegados da súa vítima que rolda os 400.000 euros, 128.350,196 para a súa parella, 99.827,76 para cada un dos seus pais e 28.522,28 euros para cada un dos seus dous irmáns.
Relacionadas:
-
"Me declaro inocente de asesinato, yo no sabía quién iba dentro del coche ni pude hacer nada"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Veciños de Verducido piden "Xustiza para Jessica" ás portas do xuízo polo crime machista de Barro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O crime machista de Jessica en Barro, ante o xurado: José Eirín será xulgado o 11 de marzo
Por Natalia Puga |
-
O fiscal ve agravante de xénero no asasinato de Jessica Méndez: matouna "polo odio" de que levara anos rexeitándoo
Por Natalia Puga |
-
José Eirín acosou a Jessica Méndez ata a propia mañá do crime de Barro: "agardaba dentro do seu vehículo a que ela saíse de casa"
Por Natalia Puga |
-
Un ano sen Jessica: "Non foi un accidente, el estábaa acosando, vixilábaa. Non houbo relación, pero foi un crime machista"
Por Natalia Puga |
-
O sospeitoso do homicidio de Barro insiste na versión do accidente, que a Garda Civil desmonta
Por Natalia Puga |
-
O Concello de Barro pide unha investigación "exhaustiva" que "verta luz" sobre o "feminicidio" de Jessica
Por Redacción |
-
Clamor unánime en Barro por Jessica: "Arrancáronos o que máis queríamos nesta vida"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Concentración en Barro en repulsa polo homicidio de Jessica Méndez, "vítima do seu acosador"
Por Natalia Puga |