8 de marzo, un día para xogar ao balonmán
Por Redacción
Unión Balonmán Feminino de Pontevedra (UBF Balonmán) é un equipo creado en 2015 por un grupo de mulleres, algunhas das cales xa xogaran no C.B. Enxoval mentres que outras eran grandes afeccionadas.
Despois de seguir aos seus fillos por todas as pistas da provincia decidíronse a dar o salto, crear un equipo e animarse elas a xogar. Ao principio sen sequera adestrador e buscando horas libres en pavillóns para poder empezar. Pero a súa decisión era firme e contaxiosa así que se enrolaron no proxecto 31 mulleres de distintas idades.
Nos seguintes anos o equipo logrou ter unha pista fixa para adestrar, contratou a un adestrador e pronto empezou a mellorar significativamente o xogo, a velocidade, a forza e a táctica.
Segundo destacan as xogadoras do UBF Balonmán "a participación nalgúns torneos e partidos amigables converteuse nunha experiencia inesquecible". Sempre tiveron claro que "o menos importante en todos os casos era o resultado, sempre prima o divertirse, o principal é gozar do xogo e dar o mellor de nós mesmas máis aló dos resultados".
Ao longo de todos estes anos distintas xogadoras foron entrando e saíndo deste equipo "é algo que nunca se propuxo como unha obriga, si como un compromiso, o que se trata é que todas gocemos do que se fai".
Apareceron novas compañeiras, de todas as idades, con fillos e sen eles, con profesións do máis diverso pero con algo en común "mulleres que queren xogar ao balonmán e non atopan lugar".
Co paso do tempo tamén houbo cambio de adestrador e de pista, adquiriron material deportivo "e fóronse creando novas ilusións".
Do mesmo xeito que ocorreu en todo o mundo a pandemia supuxo un parón na súa actividade, pero coa recuperación da normalidade tamén elas volveron á pista. Todos os venres de 20:30 a 22:00 adestran no pavillón do Príncipe Felipe.
Agora mesmo son 21 xogadoras, "de entre 30 e case 60 anos", xa hai algunhas con netas. "As que empezaron con fillos cursando Primaria no colexio xa os teñen estudando na universidade", chancean.
Destacan que o UBF Balonmán está aberto a acoller máis mulleres que xogasen no pasado ou que desexen comezar neste deporte, "non teñen máis que achegarse e serán ben recibidas", aseguran.
A súa intención é promover as competicións na súa categoría para crear unha rede con outros equipos da comunidade galega.
Este venres 8 de marzo celebraron a "V Reunión do Día da Muller". Como en anos anteriores, os equipos femininos participantes celebraron ser parte do mundo do deporte, rachar con estereotipos e fomentar a práctica do balonmán entre mulleres. Nesta ocasión disputaron un partido entre o U.B.F. Balonmán de Pontevedra e as Asmunais de Meaño.
Tal e como din "o resultado non importa o que importa son as xogadoras" e elas son:
U.B.F. Pontevedra: Reyes, Bea Cortés, Elvira, Susi, Agustina, Luz, Bea, Juana, Sandra, Cris de la Cruz, Carmen, Alba. Ana, Tania, Isabel, Maria, Montse, Marta. Adestrador: Jaime Simón.
ASMUNAIS Meaño: Eva, Nuria, Merche, Eva Blanco, Sonia Padín, Laura, Isa, Tamara, Cruz, Mina, Sonia R, Sabela, Luli. Adestradores: Luiz Gustavo, Estevau Romeu
Árbitro: César Carballo