Esa é a miña nai!
Por Oskar Viéitez
Despois de ano e pico adestrando esta fin de semana foi o debut en competición oficial do Unión Balonmano Femenino Pontevedra
Este equipo pontevedrés de veteranas saltou á pista do Lalín Arena disposto a dalo todo e vaia que se o fixeron. Resultou difícil crerse que algunha deixara este deporte facía demasiado tempo e que a maioría tampouco practicaban ningunha actividade física de maneira frecuente.
Con todo estaban nerviosas. Saíron á cancha coa tensión dunha estrea. Conscientes de que non había volta atrás.
A súa aventura empezaba fai tempo medio de broma. Empuxadas polas que querían facer exercicio físico e animadas polas que estaban fartas dos piques dos seus fillos. "Non serás capaz, a que non te atreves?", dicíanlles.
As maniotas dos primeiros adestramentos esquecéronse coas risas. A reconfortante sensación de volver estar en forma foi unha das primeiras recompensas. Conseguiron unha pista e un adestrador. Logo empezaron a mellorar o xogo, velocidade, forza, táctica. E chegaron máis compañeiras que se sumaron ao grupo. Encargaron un equipamento. Pero aínda non querían competir, había medo.
Non se vían preparadas para disputar un encontro. Así que chegou o momento de decidir se era suficiente con pasar un bo intre entre amigas.
O resultado xa o coñecen. Este sábado disputaron un triangular ante o SAR e o Lalín.
O ambiente na bancada era de emoción e orgullo. Contido, nas parellas das xogadoras e desbordado nos seus fillos "Esa é a miña nai!
En canto ao resultado a quen lle importa? Agora xa están lanzadas e a próxima fin de semana xogarán en Valladolid, un campionato estatal!