Comeza o curso ao redor do acompañamento nas violencias machistas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Escola Feminista da Mocidade continúa coa súa programación con éxito de asistencia e valoración por parte das persoas usuarias que acoden á mesma. Este sábado, 9 de marzo, iniciarase a segunda edición do obradoiro 'Como axudo? Modos de acompañar nas violencias machistas'.
Desde o Concello de Pontevedra destácase a boa recepción que tivo na anterior edición da Escola Feminista da Mocidade, e a demanda á hora de volver ser realizada esta actividade. Desenvolverase na Casa Azul entre as 10 e as 14 horas e as 16 e as 20 horas, impartíndose por Vicky Estévez e Neves Seara.
O curso ofrece e pon sobre a mesa estratexias de comunicación para axudar e acompañar nos procesos de violencias machistas. Recursos e comportamentos que apoien nestas vivencias, dende as redes de apoio mutuo, xunto a conceptos sobre o estado psicolóxico da vítima desta violencia.
A xornada formativa contará con máis dunha ducia de asistentes, que deberon inscribirse de forma previa (ao igual que o resto de actividades da Escola Feminista da Mocidade, esta é de balde).