Sanxenxo cuantifica en 123.000 euros os danos causados polos temporais en 18 praias
Por Redacción
O estudo técnico encargado polo Concello de Sanxenxo para cuantificar os danos ocasionados polos temporais nas praias apunta a que será necesario un investimento de 123.199 euros para restablecer os accesos e instalacións dos 18 areais.
"As praias de Sanxenxo están a sufrir importantes danos nos últimos meses debido aos continuos temporais que azoutan a Comunidade, feito que supón un grave prexuízo para o noso municipio dado o seu carácter eminentemente turístico", sinalou o concelleiro delegado de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez.
Ramplas, escaleiras, varandas, pasamáns, torres de vixilancia, mobiliario, sendas de madeira e muros concentran os principais danos provocados polo efecto das fortes chuvias e ventos que dende finais do mes de decembro "están a esnaquizar non só os equipamentos das praias senón tamén o tendido eléctrico e os báculos do alumeado público, que quedará arranxado en dúas semanas", afirmou José Luis Rodríguez.
O edil incidiu tamén no feito de que "algunhas praias quedaron sen area e ademais as mareas aportaron moito canto rodado que sacou da auga e subiu ao areal".
Haberá, pois, que reparar a escaleira con estacas de madeira e substituír o panel estático con pictograma de Bandeira Azul da Lanzada; subministrar e compactar xabre no acceso de Espiñeiro; dotar dunha nova pasarela de madeira e mellorar a entrada á Lapa; retirar a area da senda peonil de Major; colocar unha nova pasarela de madera e repoñer os chanzos de pedra de Pragueira; e reforzar a varanda existente e abastecer de zahorra a entrada a Bascuas.
As intervencións a acometer inclúen tamén o varrido e limpeza do acceso á denominada 'tixola' de Montalvo, ademais da retirada de area das escaleiras e da pasarela situada nesa zona que terá que ser reparada, ao igual que a situada na zona do cámping. Tamén terán que arranxarse as escaleiras de acceso ao areal dende Punta Montalvo.
En Canelas haberá que acondicionar os accesos e as duchas e colocar un novo panel de Bandeira Azul, mentres que en Caneliñas a intervención será maior e incluirá a dotación de solado, a reposición da varanda da rampla de acceso á praia, a reparación da pasarela metálica de entrada e da torre de vixilancia.
"Deberían estar listas cara a campaña de Semana Santa", apuntou José Luis Rodríguez
O informe elaborado polos servizos técnicos municipais recolle tamén a necesidade de acondicionar os accesos de Baltar, arranxar as varandas de Silgar; demoler e construír un novo muro de contención da baixada da praia de Panadeira dende o parque homónimo, recompoñer o pavimento e colocar unha varanda; remodelar o muro das escaleiras e subministrar unha nova varanda en Carabuxeira; ao igual que en Barreiros.
Pola súa banda, en Nanín a actuación levará consigo a reconstrución da escaleira de pedra e a colocación dunha nova varanda; en Areas consistirá no acondicionamento do acceso e a limpeza, asentados e rexuntado do murete lateral de pedra da baixada á praia; en Area de Agra centrarase no acondicionamento da entrada e na Granxa de Abaixo supoñerá a reposición da varanda de protección exterior do paseo da praia e a reposición do bordo de granito.
Outra das accións contempladas no estudo é a relativa ás obras de estabilización do muro de contención da avenida de Pontevedra, na vila de Portonovo.
"Dende o Executivo local estamos a xestionar ante outras Administracións o apoio económico necesario para acometer estes arranxos que son fundamentais xa que as praias do municipio constitúen o principal atractivo deste destino turístico e deberían estar listas cara a campaña de Semana Santa", apuntou José Luis Rodríguez.
Relacionadas:
-
Acondicionan os accesos á praia de Carabuxeira, danados tralos temporais do inverno
Por Redacción |
-
Bascuas recupera a súa mellor cara: retiran os cantos rodados e redistribúen a area
Por Redacción |
-
As praias da Lanzada e Panadeira recupéranse dos temporais
Por Redacción |
-
O temporal deixa as praias sen area
Por Oskar Viéitez |
-
O temporal saca á luz miles de aparellos de pesca ilegal
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación en Sanxenxo pola imaxe "desoladora" que deixou o temporal nas súas praias
Por Redacción |