Bascuas recupera a súa mellor cara: retiran os cantos rodados e redistribúen a area
Por Redacción
Retirar os cantos rodados e redistribuír a area da praia. ÿ o obxectivo dos traballos que o Servizo Provincial de Costas iniciou este mércores para acondicionar a praia nudista de Bascuas. Foi un dos areais máis afectados polos temporais do pasado inverno e por fin, o Goberno atende a petición que, reiteradamente, realizaran os usuarios da praia e o Concello de Sanxenxo.
Segundo recordou o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, o pasado mes de maio o goberno municipal dirixiuse a Costas para denunciar que os continuos temporais rexistrados o pasado inverno en Galicia provocaran a perda de area, que foi substituída por cantos rodados e seixos, dificultando o seu uso por parte dos bañistas.
"O feito de que nas últimas semanas o mar devolvese parte da area permitiu que hoxe puidese baixar a maquinaria necesaria para acometer esta actuación tan demandada polo Concello e polas persoas que acoden a este enclave", explicou o edil.
José Luis Rodríguez engadiu que os operarios de Costas aproveitaron a baixamar para eliminar as pedras acumuladas na zona seca, tras o que procederon a redistribuír a area na praia.
O goberno municipal espera que estes traballos permitan que os usuarios da praia nudista poidan volver utilizala nas mellores condicións posibles.
Ante esta actuación de Costas, seguindo o protocolo marcado, o Concello de Sanxenxo non izou a Bandeira Azul neste areal, dado que se están a levar a cabo uns traballos que, previsiblemente se estenderán á xornada de mañá. Unha vez finalicen comunicaráselle a ADEAC para que emita a autorización pertinente e se poida izar de novo o ecodistintivo.