O vello edificio xudicial da Parda estará en obras a partir de xuño
Por Redacción
O antigo edificio xudicial da Parda estará en obras a partir do mes de xuño. Así o anunciou este luns a Xunta de Galicia con motivo dunha visita ao inmoble por parte do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido.
A visita realizouse este luns coincidindo coa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público da licitación das obras de reforma en distintas dependencias do antigo edificio por valor duns 300.600 euros.
O 1 abril remata o prazo de presentación de ofertas e, a continuación, está previsto que se tramite e formalice o proceso de adxudicación. A partir de xuño, comezarán as obras.
A apertura do novo edificio xudicial da Parda en 2019 permitiu realizar una redistribución dos órganos xudiciais entre os dous edificios, de tal maneira que o xulgado vello reservouse para os órganos da xurisdición penal, a Fiscalía e o Imelga, trasladándose ao novo edificio os restantes órganos. Desta maneira, quedaron espazos baleiros que permitiron dotar aos xulgados da xurisdición penal de máis espazos para as oficinas e instalar salas para comparecencias e salas de espera para a cidadanía e os profesionais.
Xa se actuara na Fiscalía, que duplicou e mellorou espazos despois dun investimento de 90.000 euros e agora é a quenda do resto do edificio.
Os traballos incluirán a redistribución dos espazos interiores do edificio para adaptar os espazos destinados á subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e do xulgado de garda ás súas necesidades reais e ás demandas de novos usos, o que redundará nun mellor funcionamento das instalacións.
As dependencias do Imelga trasladaranse á entreplanta do edificio, na actual zona da biblioteca, co obxectivo de ampliar a zona de atención á cidadanía. Este traslado permitirá contar con máis superficie para a área de atención ás persoas detidas.
Ademais, instalarase unha sala Gesell neste espazo da subdirección do Imelga, onde traballan os equipos psicosociais que intermedian con xuíces, fiscais e demais partes representadas nos casos de testemuñas menores de idade ou doutras persoas especialmente vulnerables. Deste xeito, neste espazos especialmente acondicionado garantirase a protección e privacidade das vítimas durante a práctica de probas ou a toma de declaracións.
Ademais, actuarase no sistema de climatización das novas dependencias do xulgado de garda para acadar unha maior eficiencia enerxética. Ademais, realizaranse cambios na sala de vistas e farase unha nova distribución de espazos cunha nova sala de entrevistas co detido.
O proxecto prevé outras melloras noutras estancias puntuais como a creación de novos espazos para a Policía Nacional e a Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais (UVEX), a redistribución de espazos no soto, a reforma da sala de vodas e a apertura dunha xanela na fachada para permitir ao persoal de mantemento o acceso á cuberta.
Relacionadas:
-
SPJ-USO aplaude a reforma nos vellos xulgados, a pesar de que non os convidaron á reunión na que se anunciou
Por Natalia Puga |
-
O antigo edificio xudicial da Parda, obxecto dunha mellora valorada en máis de 221.700 euros
Por Redacción |
-
Belén Rubido, reelixida decana dos xuíces de Pontevedra para un segundo mandato
Por Natalia Puga |
-
Os edificios xudiciais de Pontevedra, enchoupados
Por Redacción |
-
As novas instalacións da Fiscalía sitúan o partido xudicial de Pontevedra "nun dos mellores niveis de Galicia"
Por Natalia Puga |