Os edificios xudiciais de Pontevedra, enchoupados
Por Redacción
Os corredores da contorna da sección cuarta da Audiencia Provincial aparecían na mañá deste mércores encharcados debido á filtración de auga polo tellado que se producía nas últimas horas con motivo das continuas choivas que caeron en Pontevedra ao longo do martes.
O sector Xustiza do sindicato CIG denuncia a situación e as medidas adoptadas tras esta inundación. Alertan de que non se estableceron conos advertindo da presenza de auga nos corredores e lamentan a solución adoptada para canalizar a auga procedente da zona superior consistente en instalar un plástico negro que conduce a auga cara ao exterior por unha xanela.
"Unha chapuza", advirten as mesmas fontes sindicais para engadir que a señora da limpeza foi a encargada de colocar cubos na zona para advertir do chan mollado e esvaradío. O sindicato nacionalista teme que as próximas chuvias previstas para a noite deste mércores poidan provocar unha inundación aínda de máis graves consecuencias.
Desde CIG tamén advirten de que non é a primeira vez que se producen estas situacións en edificios xudiciais de Pontevedra.
Sinalan que no local xudicial situado na rúa Xermán Adrio, onde se atopan aínda arquivos, producíronse dúas inundacións nos últimos tempos, mentres que no novo edificio da Parda tamén se rexistran pingueiras e os arranxos redúcense a instalar unha táboa metálica para desviar a auga que cae no interior. Lamentan que nun edificio recente detéctense numerosos problemas como estas filtracións ou a presenza de baldosas abertas.
Segundo o mesmo sindicato, estes problemas débense á falta de mantemento dos edificios da administración de Xustiza por parte da Xunta de Galicia e reclaman unha solución.