Habilitarán un novo aparcamento disuasorio para cincuenta coches en Combarro
Por Redacción
Nunha parcela "estratéxica" para Combarro estará o novo aparcamento disuasorio que o goberno municipal impulsa na vila. Terá capacidade para cincuenta coches e busca dar servizo ao residentes do lugar e os usuarios do centro de saúde.
Os terreos, que o Concello vai alugar para habilitar este estacionamento, serán acondicionados nas próximas semanas polos operarios municipais.
O alcalde, Ángel Moldes, asegura que están abertas máis negociacións con outros propietarios para seguir dotando a Combarro doutros aparcamentos disuasorios, cos que seguir ofrecendo solucións ao problema de estacionamento.
Neste caso, Moldes considera que dará un servizo "fundamental", xa que a parcela está situada ao carón dun núcleo urbano, onde hai multitude de vivendas unifamiliares, edificios en altura, establecementos comerciais e o centro de saúde de Combarro.
"O goberno está dando pasos importantes para cumprir un dos puntais do noso programa, a dotación de estacionamento, algo fundamental para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e favorecer a actividade económica no noso concello", sostivo o alcalde.