Propoñen reordenar o tráfico no Paseo das Redeiras e aliviar a circulación nun dos puntos negros de Combarro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Poio propón un proxecto para cumprir cunha das súas prioridades para este mandato, dar solución aos atascos e á falta de aparcamento en Combarro. Neste caso, busca reordenar o tráfico no Paseo das Redeiras e, así, aliviar un dos principais puntos negros do municipio, o cruce da PO-308 coa baixada á Praza da Chousa.
O Concello xa conta cunha proposta que permite organizar toda a franxa do paseo, na zona das canteiras, habilitando o dobre sentido ata o porto náutico.
O proxecto ascende a 886.102,43 euros e o Goberno local está buscando financiamento entre as diferentes administracións.
Ademais de incluír esta dobre dirección no paseo das Redeiras e ampliación dos estacionamentos, contempla a renovación dos servizos de telecomunicacións, baixa tensión e alumeado.
Este plan habilitaría dous accesos a Combarro: manteríase o actual, a baixada á Praza da Chousa, pero limitado exclusivamente para residentes e acceso aos garaxes, e todo o tráfico estacional desvíase ao Paseo das Redeiras, cunha entrada desde a baixada ao porto, un acceso que agora permite exclusivamente achegarse ata a zona de aparcamento.
Nesta rúa, manteríase unha mediana, con zonas de aparcamento e axardinadas para separar os carrís de entrada e de saída, e o cambio de sentido faríase ao chegar ao porto deportivo.
O alcalde, Ángel Moldes, explica que para o Goberno é "prioritario" establecer un plan de actuación para darlle unha solución "o máis axiña posible", pois cada verán repítense atascos e problemas para estacionar que provocan moitas molestias, principalmente para os veciños deste lugar.
Moldes recorda que esta estrada autonómica, que vertebra todo o concello, vólvese intransitable cada verán practicamente desde Samieira ata A Seca, polo que os veciños que precisan moverse dunha parroquia a outra "padecen cada día grandes prexuízos e colas interminables".