O TSXG confirma a condena imposta a dous acusados de enviar cocaína desde Vilanova ata Barcelona en coches con dobre fondo
Por Oskar Viéitez
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 9 anos e de 7 anos e nove meses de cárcere, respectivamente, imposta pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra a cada un dos dous acusados de enviar importantes cantidades de cocaína desde Vilanova de Arousa ata a provincia de Barcelona en coches con dobre fondo.
Os vehículos eran conducidos por unha terceira persoa, xa falecida.
O alto tribunal galego desestimou, desta forma, os recursos de apelación presentados contra a sentenza de primeira instancia por ambos os condenados.
En virtude das investigacións levadas a cabo polo Servizo de Vixilancia Aduaneira dependente da Axencia Tributaria en colaboración coa unidade de drogas e crime Organizado (UDYCO) do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra, tívose coñecemento de polo menos ao longo dos anos 2017, 2018 e ata o mes de xaneiro de 2019, os acusados despregaron actividades tendentes á provisión e comercialización de cocaína, para a súa posterior distribución entre os consumidores finais ou distribuidores secundarios no mercado ilícito.
Para iso enviaban as partidas de coca desde Vilanova de Arousa ata a provincia de Barcelona, servíndose de vehículos modificados para dotalos de compartimentos ocultos en dobres fondos nos que ocultar a droga.
Un deles dirixía as actuacións desde o seu domicilio, establecendo os contactos necesarios, tanto para dispoñer da cocaína como para determinar a quen venderlla. Outro dos acusados encargábase do transporte da droga e o terceiro tiña como labor a disposición dos vehículos.
As partes poden interpoñer recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo contra esta sentenza.
Relacionadas:
-
As actuacións da Policía Nacional contra o trapicheo en Vilagarcía suman nove persoas detidas no que vai de ano
Por Redacción |
-
A Fiscalía pide 38 anos de cárcere para un padrasto por violar e abusar durante unha década da filla da súa parella
Por Oskar Viéitez |
-
Condenados por enviar cocaína de Vilanova a Barcelona en coches con dobre fondo
Por Natalia Puga |