Condenados por enviar cocaína de Vilanova a Barcelona en coches con dobre fondo

Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condena a 9 anos e a sete anos e nove meses de cárcere a dous homes acusados de enviar cocaína desde Vilanova ata Barcelona en coches con dobre fondo.
A sección cuarta da Audiencia considéralles a ambos os autores dun delito contra a saúde pública de substancias que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia e doutro delito de pertenza a grupo criminal.
A sentenza recolle que ambos se encargaban de enviar importantes cantidades de cocaína desde Vilanova en coches con dobre fondo que conducía unha terceira persoa, xa falecida.
No apartado de feitos probados da sentenza, o tribunal explica que, polo menos entre o ano 2017 e xaneiro de 2019, os procesados "despregaron actividades tendentes á provisión e comercialización de substancias estupefacientes, concretamente cocaína, para a súa posterior distribución entre os consumidores finais ou distribuidores secundarios no mercado ilícito".
As xuízas da Audiencia afirman que, para enviar as partidas de droga, servíanse "de vehículos modificados para dotalos de compartimentos ocultos en dobres fondos nos que ocultala, conscientes do dano que para a saúde pública implicaba".
As maxistradas aseguran que o principal condenado coordinaba e dirixía as actuacións desde o seu domicilio, realizando os contactos precisos cos subministradores para facerse coa cocaína para a súa distribución.
Segundo o fallo, o segundo condenado encargábase da disposición dos vehículos empregados no transporte, así como da manipulación de substánciaa estupefaciente que distribuían.
Ademais da pena de prisión, a Audiencia impón a cada un deles o pago dunha multa de 433.000 euros.