Desestiman o recurso interposto polo home condenado a sete anos de cárcere por violar á septuaxenaria que o acolleu na casa
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso interposto ante a Sala do Penal por un home condenado por violar en xaneiro de 2020 a unha muller de 75 anos que o acollía na súa vivenda de Cambados por razóns de caridade.
A Audiencia de Pontevedra sentenciárao a sete anos de cárcere como autor dun delito de abuso sexual con penetración, agravado por razón de convivencia entre o agresor e a vítima.
As maxistradas da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra explicaban na súa resolución que todas as probas presentadas no xuízo corroboraban o testemuño ofrecido no seu día pola vítima, que non puido declarar ante o tribunal ao falecer en 2022. A sentenza subliñaba que "fronte a toda a proba exposta" o acusado limitouse a negar os feitos.
No seu recurso de apelación o condenado alegaba que se inculcou a presunción de inocencia ao padecer a vítima unha certa deterioración cognitiva. Pero na súa resposta o TSXG sinala que neste caso o tribunal non só tivo en conta o tribunal o testemuño desta muller "senón que tamén contemplou outros factores, como a presenza de seme do acusado nas roupas da cama daquela" ademais dos "testemuños corroboradores" da filla da vítima e da traballadora social do Concello, ás que a anciá relatara os feitos pouco despois de que sucedesen. "Aínda por riba", engade tamén o testemuño do axente da Garda Civil que lle tomou declaración, que corroborou as palabras da vítima, "coincidentes coas que lles expoñía ás dúas persoas anteriores".
Tampouco admite o TSXG que a sentenza da Audiencia de Pontevedra vulnere o principio penal de in dubio pro reo "pois nin o tribunal declarou estar afectado por dúbida algunha, nin hai motivos para pensar que puidese albergala á vista da proba practicada".
Por todo o exposto, desestímase o recurso.