O campo de fútbol de Dorrón e o pavillón de Vilalonga chegarán renovados á primavera
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Primavera. Ese é o horizonte temporal que se marca o Concello de Sanxenxo para ter terminadas as obras de renovación do campo de fútbol de Dorrón e do pavillón de Vilalonga.
Ambas as dúas actuacións foi visitadas este xoves polo alcalde, Telmo Martín.
No caso de Dorrón, os traballos céntranse no remate dos vestiarios e nas bancadas. A zona de bancada cuberta completarase cunha ampla terraza anexa á cantina desde onde tamén se poderá ver os partidos.
As obras, que ascenden a un millón de euros, están a ser executadas por Espina y Delfín, empresa concesionaria do abastecemento da auga en Sanxenxo, en compensación polo canon xerado no anterior contrato.
A obra contempla a dotación de céspede de última xeración para a práctica de fútbol 11 e 7, a colocación do céspede sintético de base elástica homologado pola FIFA, sistema de rega e iluminación. Ademais, acondicionarase a parcela exterior do campo como estacionamento.
En Vilalonga, pola súa banda, a actuación céntrase na impermeabilización das instalacións, ata o de agora imposible debido ás continuas choivas, e a pintura das cerchas e da cuberta.
Os traballos contemplan ademais o saneamento do muro exterior para evitar as filtracións de auga ao interior das instalacións, así como a impermeabilización dos voadizos e da cuberta, así como a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio.
Ademais, habilitouse un vestiario para árbitros e nas próximas semanas cambiarase o pavimento do terreo de xogo por un novo de PVC. Tamén se pavimentará o núcleo de escaleiras e o ximnasio situado baixo a bancada. A actuación ten un custo total de 249.101 euros.
A maiores destas obras, o goberno municipal ten previsto renovar os terreos de xogo do campo de fútbol de Noalla e de Baltar de Arriba ao longo deste ano.
Relacionadas:
-
Renovar a iluminación e a cuberta do campo de fútbol de Noalla custará 107.912 euros
Por Redacción |
-
Telmo Martín destaca a importancia das dez obras que está agora en marcha de saneamento e abastecemento de auga
Por Redacción |
-
Ritmo frenético de obras en Sanxenxo na recta final do ano
Por Redacción |
-
A reforma do campo de fútbol de Dorrón vai tomando forma
Por Redacción |
-
As pas escavadoras xa traballan na reforma do pavillón de Vilalonga
Por Redacción |