As pas escavadoras xa traballan na reforma do pavillón de Vilalonga
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Coas escavacións de terra no perímetro exterior das instalacións comezaron este martes as obras para a reforma do pavillón de Vilalonga.
Os traballos continuarán durante os próximos días nunha lonxitude aproximada de 60,20 metros na fachada oeste e 32,50 metros nas fachadas norte e sur, respectivamente.
Este baleirado de terra execútase co obxectivo de sanear o muro e evitar a entrada por filtración e capilaridade de auga no interior da instalación deportiva.
A empresa adxudicataria das obras é Construcións Castro Figueiro e contará cun orzamento de case 231.000 euros para acometer a actuación a través dun convenio asinado entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Este pavillón está a ser utilizado polo IES de Vilalonga para realizar as clases de educación física e tamén polo Club Sanxenxo de Balonmán para os seus adestramentos.
O proxecto contempla a impermeabilización dos voadizos e da cuberta. Tamén se inclúe a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio e un vestiario para árbitros.
A actuación inclúe, ademais, o pintado da totalidade das estruturas metálicas como cerchas, varandas e soportes ante a aparición de mostras evidentes de oxidación.
Ademais, substituiranse a totalidade das portas de vestiarios e acceso a baños de vestiario por unhas de aluminio cunha maior resistencia ao desgaste e á humidade que as actuais.
En determinadas zonas da instalación deportiva desprendéronse os revestimentos verticais principalmente de gresite na planta alta. Substituiranse polo mesmo material xa que se trata dun material actualmente en uso.
Na zona de xogo, o núcleo de escaleiras e o ximnasio realizarase o pintado, previo decapado da pintura desconchada e en mal estado e tamén se cambiará pavimento deportivo e substituirase por un novo pavimento de PVC de 6,7 mm de espesor.
Á súa vez inclúese este pavimento no núcleo de escaleiras e o ximnasio, situado baixo a bancada.
Na actualidade, o ximnasio carece dunha ventilación adecuada para o correcto uso. Para atallar o problema proxéctase a instalación dun sistema de ventilación forzada que asegure unha renovación do aire óptima.
O proxecto complétase cunha mellora da seguridade na bancada, cambiando a disposición das pezas horizontais a verticais e adecuando os banzos de acceso.
Relacionadas:
-
O campo de fútbol de Dorrón e o pavillón de Vilalonga chegarán renovados á primavera
Por Redacción |
-
Todas as instalacións deportivas municipais de Sanxenxo terán desfibriladores
Por Redacción |
-
Unha única empresa opta a executar a reforma do pavillón de Vilalonga
Por Redacción |
-
A licitación a reforma do pavillón de Vilalonga por máis de 249.000 euros
Por Redacción |