"Estupor e preocupación" na Fundación Galega contra o Narcotráfico polas saídas de prisión de Sito Miñanco
Por Redacción
A Fundación Galega contra o Narcotráfico expresou este martes o seu "estupor" ante os permisos penitenciarios concedidos ao narcotraficante Sito Miñanco para que poida saír de prisión, feitos que lles xera a "máxima preocupación".
Nun comunicado, os responsables da fundación lembran que Miñanco é un "narcotraficante convicto" que presenta un risco de fuga "elevado", unha alta capacidade económica e unha "posibilidade manifesta" de reincidencia.
"Ten pendente un xuízo polo que lle van a pedir 29 anos de cárcere e presupóñenselle diñeiro, contactos e motivos máis que suficientes para poder fuxir", sostén a entidade, que lembra que Sito Miñanco "fuxiu outras veces".
A súa última detención, subliñan desde a fundación, produciuse cando Miñanco estaba en terceiro grao "aproveitando beneficios penais para traficar".
A Fundación Galega contra o Narcotráfico apunta que "se queremos gañar a batalla ao narcotráfico o último que debemos facer é outorgar este tipo de incomprensibles permisos penais a grandes traficantes".
Ante esta situación, a fundación entende que se debe evitar a concesión de novos permisos e reforzar a vixilancia para evitar que volva fuxir ou continuar a súa actividade delituosa.
Como a concesión desta serie de permisos obedece a dereito, recoñece este colectivo, insta as autoridades a revisar de maneira "urxente e inaprazable" os criterios para outorgar estas autorizacións aos grandes capos da droga para que estas situacións non se repitan.
"Desgraciadamente este non é un caso illado", subliña a fundación, que denuncia que resulta "demasiado frecuente" ver como estes delincuentes "aproveitan permisos ou situacións de liberdade condicionada á espera de xuízo para seguir traficando".
Estes feitos, conclúe o seu comunicado, poñen de manifesto a necesidade de axilizar os tempos da xustiza para evitar que "criminais desta magnitude" estean aínda esperando un xuízo seis anos despois da súa detención.
Relacionadas:
-
A Fundación Galega Contra o Narcotráfico alerta do aumento da criminalidade derivada do tráfico de drogas
Por Redacción |
-
O Supremo, como xa fixo a Audiencia de Pontevedra, rexeita que Sito Miñanco poida acumular tres condenas
Por Natalia Puga |
-
Sito Miñanco, procesado pola Audiencia Nacional por tentar introducir en España catro toneladas de cocaína
Por Redacción |
-
Felipe de Luis: "O soño de Sito era que o Cambados xogara contra o Madrid. E chegou a crelo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Negan a liberdade a Sito Miñanco ao apreciar risco de fuga a pesar do estado de alarma
Por Redacción |