Luis López defende a "forte aposta" do PP polos servizos sociais fronte á "pobreza" de Pontevedra
Por Redacción
O presidente do PP provincial, Luis López, aproveitou unha visita este xoves á residencia de maiores Saraiva, na cidade de Pontevedra, para destacar a "forte aposta" do Partido Popular polos servizos sociais a través da Xunta de Galicia.
O mandatario popular contrapuxo esa aposta co que cualifica de "pobreza social" na atención de maiores e dependentes en cidades como a capital provincial.
"Os cidadáns teñen que saber que o 18 de febreiro teñen que elixir entre dous modelos de atención social, a que desprega o PP consolidando e ampliando servizos e orzamentos e o que desenvolve o Bloque, que se pode ver aquí en Pontevedra, un municipio que fai recurrentemente un investimento social pobre e precario, segundo o estudo independente da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, xa que é o único concello galego que se sitúa cun investimento por baixo dos 50 euros por habitante ao ano", explicou López.
O máximo representante do PP provincial concretou que as 392 prazas en residencias da cidade de Pontevedra ampliaranse en 120 máis no primeiro trimestre deste ano coa posta en funcionamento do centro que constrúe a Fundación Amancio Ortega e que pasará a integrarse na rede pública.
Ademais puxo en valor as accións para este colectivo implantadas polo goberno da Xunta en referencia á ampliación do Bono Coidado en Residencia que supón unha achega anual de 1.200 euros para sufragar o custo das prazas e que beneficia a 93 pontevedreses.
Tamén falou do Bono Coidado no Hogar, con 5.000 euros anuais para sufragar o custo dos coidados de persoas dependentes por parte dalgún familiar, veciño ou profesional. Neste caso, hai 421 veciños da capital beneficiarios da axuda.