Pontevedra é oficialmente "pobre" en Servizos Sociais
Por Oskar Viéitez
A Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais realizou, por sétimo ano consecutivo, unha detallada análise dos orzamentos que os 404 concellos de máis de 20.000 habitantes de España dedican á partida de "Servizos Sociais e Promoción Social" con datos correspondentes ao Orzamento Liquidado 2022 que publica o Ministerio de Facenda e Función Pública no seu portal de servizos telemáticos.
Segundo estes datos oficiais, Pontevedra é oficialmente "pobre" en Servizos Sociais e ademais "reincidente".
Nesta listaxe figuran 37 concellos "excelentes" porque alcanzan o 160% da mediana de gasto efectuada polo conxunto dos municipios (94,57 euros por habitante) ata chegar a un investimento mínimo de 151,31 euros por habitante e ano.
Fronte aos "excelentes", esta análise sinala como "pobres" en investimento social a 37 concellos cun investimento inferior a 56,74 euros, que é o 60% da media de gasto realizada polo conxunto dos 404 municipios analizados.
Pontevedra é o único municipio galego que aparece neste listado negativo
Pontevedra é o único municipio galego que aparece neste listado negativo.
Ademais a Boa Vila tamén foi considerada Concello "pobre" en 2021, sinalándose no informe a súa reincidencia "nun lamentable exemplo de persistencia" do seu goberno local en manter aos seus veciños "cuns Servizos Sociais infradotados economicamente e carentes dos dereitos sociais que lexitimamente lles corresponden".