Aberto o prazo para inscribirse nunha nova aceleradora para empresas turísticas da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para participar, no marco do proxecto SmartPeme, na sexta edición da Aceleradora de Empresas do Sector Turístico que se desenvolverá de xeito telemático.
O programa, que comezará o próximo 14 de decembro, permitirá impulsar ata un máximo de oito proxectos empresariais. As empresas interesadas en participar poden presentar a súa candidatura ata o 11 de decembro no sitio web de SmartPeme.
A Aceleradora de Empresas do Sector Turístico de SmartPeme está destinada a persoas e empresas con negocios, ligados ao sector turístico ou cunha actividade vinculada a este, que desexen reorientar ou poñer en marcha a súa actividade en liña. Tamén poden participar aqueles que estean en fase temperá de desenvolvemento ou que teñan un alto potencial de crecemento.
As persoas seleccionadas realizarán un roteiro formativo no uso das tecnoloxías de información e comunicación (TIC) centradas no sector turístico, no que recibirán formación en técnicas que melloren a estratexia de imaxe dos seus estabelecementos así como asesoramentos individuais con persoas especializadas en turismo e TIC.
As persoas interesadas deberán cubrir o formulario na web de SmartPeme e achegar unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se detalle o obxectivo do proxecto; a misión, visión e os seus valores; a actividade a realizar; a descrición do produto/servizo e tamén o que pretende alcanzar coa súa participación na Aceleradora de Empresas do Sector Turístico. A documentación será avaliada por un equipo técnico de SmartPeme que seleccionará ata un máximo de oito proxectos para participar no programa tras unha preselección de candidaturas ás que se lles realizará unha entrevista.
Os proxectos seleccionados pola Deputación beneficiaranse dun programa formativo de xeito telemático que se estenderá entre o 14 de decembro de 2023 e o 16 de febreiro de 2024. Durante este período, recibirán sesións de titorías individualizadas para afondar en temas vinculados á imaxe dixital, tecnoloxía, competitividade e turismo, con sesións a medida adaptadas ás súas necesidades específicas.
O programa rematará cun "Demo Day" onde todos os proxectos que finalizaron con éxito a súa participación na aceleradora poderán presentarse ante o público e establecer sinerxías.
Relacionadas:
-
Aberto o proceso para contratar a nova folla de ruta turística da provincia
Por Redacción |
-
Galiwonders e Sembra Biojoyas triunfan nos premios AJE 2023
Por Redacción |
-
O viveiro de Barro dá a benvida a seis novos proxectos
Por Redacción |
-
Bodegas Martín Códax obtén 600.000 euros da Deputación para implantar a agrocompostaxe
Por Oskar Viéitez |