Un laudo arbitral dá a razón a Comisións Obreiras nas eleccións do persoal laboral do Concello
Por Oskar Viéitez
O secretario de organización de Comisións Obreiras na comarca de Pontevedra, Xosé Luis García Pedrosa, asegurou que o seu sindicato acaba de "impedir unha fraude" nas eleccións do persoal laboral do Concello da capital xa que, segundo afirma "a Administración pretendía que se elixise un Comité de Empresa cando só corresponde elixir tres delegados de persoal".
Pedrosa explicou que nestas eleccións do persoal laboral "desde o goberno municipal promovéronse unha serie de irregularidades que cuestionaban a limpeza do proceso electoral" xa que, "trataban de que se elixise un número maior de representantes do persoal laboral do que realmente corresponde". O obxectivo, segundo Pedrosa, sería "diminuír a representatividade do persoal funcionario en favor do persoal laboral, na composición da Mesa Xeral de Negociación".
É dicir, segundo sostén Comisións Obreiras, a Administración local "inflou" o censo electoral "incluíndo a persoal fixo que xa finalizara a súa relación laboral co Concello ou que, como consecuencia do proceso de estabilización, adquiriran con anterioridade ao comezo do proceso a condición de funcionarios".
Este sindicato presentou unha reclamación para que se excluíse a este persoal do censo, e a petición foi desestimada pola Administración, polo que CC.OO. presentou unha impugnación que foi resolta nun laudo arbitral que lles dá a razón e obriga a escoller a tres delegados de persoal en lugar dun Comité de Empresa.
Relacionadas:
-
O Xulgado dá a razón a CCOO ao reclamar a indemnización a un policía local por asistir como testemuña a tres xuízos
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras é o sindicato maioritario nas dez empresas de máis de 250 traballadores na comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Representantes sindicais dos Bombeiros de Pontevedra insisten na demanda de máis persoal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Tan só oito minutos de pleno para aprobar cambios no cadro de persoal do Concello
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello busca abrir unha "nova etapa" e manter unha relación "fluída" cos sindicatos
Por Alejandro Espiño |