Comisións Obreiras é o sindicato maioritario nas dez empresas de máis de 250 traballadores na comarca
Por Oskar Viéitez
O secretario de organización de Comisións Obreiras na comarca de Pontevedra, Xosé Luis García Pedrosa, anunciou que o seu sindicato acaba de consolidarse como o maioritario nas dez empresas de máis de 250 traballadores na comarca de Pontevedra.
Segundo os datos facilitados por Pedrosa, Comisións Obreiras ten en Ence (13 representantes), Deputación (21), no Concello de Pontevedra (13), María Martínez Contract (13), Distribucións Froiz (25), Caixabank (13), Abanca (21), Sergas Pontevedra (27), Quirónsalud (13) e Arnoia (13).
Precisamente o último resultado electoral coñecido foi o da empresa Arnoia Distribución de Libros, unha das principais firmas do sector en España, situada no Polígono da Reigosa cun persoal de 277 traballadores.
Nunha empresa na que historicamente a representación sindical desde 1994 foi exclusiva da CIG, agora entra CC.OO. con 6 representantes no Comité de Empresa de nove membros e a central nacionalista só mantén 3 dos 9 que tiña.
Con este resultado, dun total de 172 representantes elixidos nas grandes empresas da comarca, CC.OO obtivo 57 delegados, UXT 37, CIG 36 e outros sindicatos varios 42.
Ademais CC.OO. é o único sindicato que obtén representantes todas estas empresas, mentres que a UXT non o consegue en dúas e a CIG en tres.
En nome do seu sindicato Xosé Luis García Pedrosa agradeceu a confianza depositada nos seus candidatos e na acción sindical desenvolvida "que recibe o apoio inequívoco dos sectores máis sindicalizados da clase obreira".