O próximo setembro a Misión Baluarte do Exército cumprirá un ano operativa. Unha misión a través da cal militares do Exército de Terra e da Armada traballan como rastrexadores telefónicos entre contactos estreitos de persoas positivas en covid-19. No caso de Galicia o xefe da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica é o comandante Juan Carlos Rodríguez Gómez, con quen falamos no podcast 'Mentres isto dure'.
Explica como é a formación e procedemento que están a realizar desde fai once meses. O número de rastrexadores en cada momento da pandemia xa reflicte o seu maior ou menor incidencia. Durante este pasado xullo, duplicáronse. "Hai relación directa entre como evoluciona a pandemia e como nós a afrontamos co incremento de efectivos" explica o comandante Rodríguez Gómez engadindo outro dato: "a finais de xuño a media diaria era de dous ou tres mil chamadas e esta pasada fin de semana chegouse a once mil".
Ademais estes contactos telefónicos tamén permiten extraer un perfil das persoas que en cada momento da pandemia son as máis contaxiadas. Nesta onda a idade máis afectada fluctúa ao redor dos trinta anos "e é significativo o aumento de chamadas que se fai a adolescentes", sinala en PontevedraViva Radio.
A súa función non está exenta de dificultades e por diversa causalidade: "nalgúns casos resulta complicado pechar o círculo de contactos estreitos porque en ocasións non son persoas desta Comunidade, porque a rede de contactos dos mozos é máis ampla e ás veces non saben os seus datos concretos. E outra circunstancia que se presenta as veces é non facilitar todos os contactos para evitar corentenas domiciliarias"; actitude que lamenta xa que "fraco favor está a facerse para atallar a pandemia".
Non se contempla un final próximo desta Misión Baluarte. Mentres tanto "cos rastrexadores activos neste momento, estamos en condicións de cumprir a misión de maneira satisfactoria e plena e estaremos atentos á evolución da pandemia e as necesidades que teña a Xunta para afrontar a situación con total capacidade e garantías" conclúe o xefe da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica de Galicia.