A Brilat desprégase en Turquía
Por Redacción
Un total de 20 vehículos roda nas súas diferentes versións, 4 pezas de artillería remolcada e 10 contedores de carga embarcaron este venres no porto de Vigo con dirección ao porto de Izmir, en Turquía. Desde este porto, todo o material desprazarase ata a área de adestramento de Acikir na localidade de Polatli, nos arredores de Ankara.
Durante a súa estancia en Turquía, desde o 5 ata o 20 de setembro, uns 80 militares da Brilat participarán no exercicio da OTAN denominado “Dynamic Front 2021”, unhas manobras multinacionais nas que se pretende levar a cabo, nunha fase inicial, a activación, proxección e despregamento de unidades de artillería e na súa fase final, a integración e coordinación de todas as unidades participantes, principalmente dos exércitos de EEUU, Italia, Turquía e España e outros países socios da OTAN.
O exercicio “Dynamic Front 2021”, liderado polo cuartel xeral do “US Army Europe- Africa”, no que participan unicamente unidades de artillería, está deseñado para mellorar a integración e a interoperabilidade nos tres niveles, humano, técnico e procedemental, de todos os sistemas de mando e control en materia de apoios de lume longo alcance.
A estandarización destes procedementos de mando e control coñécese como protocolos ASCA ou Artillery Systems Cooperation Activities, capacidade operativa da que España é membro de pleno dereito.
Desta forma, calquera unidade de artillería certificada na comunidade ASCA pode intercambiar datos de forma automática con unidades de artillería doutras nacionalidades e executar misións de lume real no seu beneficio. O que se pretende é que estas accións de lume de longo alcance sexan o máis eficientes e eficaces posible, mellorando a comunicación en todos os niveis, desde un observador avanzado que pide un apoio de lumes, pasando polos centros de coordinación e dirección das accións de lume e chegando ata a plataforma/lanzador mellor situada para prestar ese apoio de lumes.
Estas manobras son continuación das levadas a cabo durante o mes de maio en Romanía, nas que tamén participaron outras unidades da Brilat, entre elas, o Batallón Zamora I/29, Batallón de Cuartel Xeral VII e o Batallón de Zapadores VII. Todas estas actividades forman parte da preparación anual das unidades da Brilat que se integran na forza de moi alta dispoñibilidade da OTAN, coñecida polas súas siglas en inglés como VJTF ( Very High Readiness Joint Task Force).
Relacionadas:
-
Defensa recruta en Pontevedra a 85 aspirantes para a escala de Tropa e Mariñeiría
Por Redacción |
-
A Brilat, rumbo a Mali para unha nova misión internacional
Por Redacción |
-
RADIO.- Rastrexadores do Exército: "a final de xuño a media diaria era de dúas ou tres mil chamadas e a pasada fin de semana chegouse a once mil"
Por Marisa Ciordia |
-
VIDEO.- A Unidade Militar de Emerxencias desprégase en Figueirido
Por Redacción |
-
A BRILAT duplicou este mes de xullo os seus rastrexadores telefónicos de covid-19
Por Redacción |