O incremento de turistas durante este verán na capital, é evidente. ven en grupos, en familia, en parellas, en solitario. Escóitanse múltiples idiomas e acentos...e diferentes sectores confírmano nestas Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio.
Raquel Abollo, técnica de Turismo, pasea aos turistas nas visitas guiadas. Dado que os percorridos fanse en castelán, o seu "público" é eminentemente nacional. Madrid, Valencia e Cataluña seguen sendo a orixe do maior número e este ano notou un incremento considerable de andaluces. Buscan o "plus" do clima galego. En 2016 xa se produciu a inflexión á alza do turismo e este 2017 segue subindo "foi tal, que nos expomos incrementar o número de visitas guiadas para atender toda a demanda que recibimos".
Raúl Facciola, vogal de Hoempo (Hostaleiros Empresarios de Pontevedra) e xerente do restaurante La Crepería, engade as referencias do turismo internacional: escoceses, irlandeses, alemáns e americanos da costa este que ao parecer estanse sentindo atraídos polo Camiño de Santiago. Outro "plus" galego que bateu cifras este ano e do que tamén se beneficia Pontevedra. Do nacional, engade aos citados moitos visitantes de Murcia e Zaragoza.
Aínda que non presencialmente nas Conversas, desde os establecementos hosteleros Paula Lourido, presidenta da asociación do sector en Pontevedra, indicaba a PontevedraViva que este 2017 está a ser o mellor de última década e que o turista segue sendo eminentemente nacional e con aumento do internacional. José María de Cabo, tamén membro do colectivo, corrobora que o 2017 está a resultar bastante mellor que 2016.
Os hoteis e a restauración son os principais beneficiarios desta tendencia, engade Miguel Lago, presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental. O comercio local, sinala, repercute o beneficio polo incremento da actividade dos anteriores, pero non porque recibamos un "turismo de compras". Como presidente do colectivo que representa á "xoia da coroa" da cidade, considera que hai que seguir rehabilitando para favorecer que siga aumentando o número de residentes e evitar que se poida caer no erro doutras referencias turísticas, onde os foráneos tomaran estes lugares e os cidadáns tiveron que abandonalos.
Charlamos tamén de que se require para seguir avanzando na oferta turística ou que erros hai que evitar aínda. Inevitablemente cóase na conversación as hipotéticas repercusións de atentados.