O Teatro Principal de Pontevedra acolle ata o domingo a segunda edición do Festival Guerrilla. Esta xornada do sábado 3 terá un dos seus protagonista na persoa do actor e humorista Pepe Viyuela con quen falamos en PontevedraViva Radio.
Ás 17.00 horas proxectarase a película documental 'Un viaje hacia nosotros' na que Viyuela - ademais de ser coguionista e produtor -, intervén para levar ao espectador dunha historia íntima a unha historia global, a das persoas refuxiadas, en definitiva unha historia de Dereitos Humanos. A parte máis persoal corresponde á do propio actor rioxano ao recuperar a memoria do seu avó Gervasio, quen estivo en dous campos de refuxiados tras participar no bando republicano na Guerra Civil.
Ás 21.00 horas, Pepe Viyuela subirá ao escenario con 'Encerrona', unha peza que segue representando desde os noventa: "foi o primeiro espectáculo que inventamos a miña muller e eu, seguimos inventándoo e pódese dicir que é a espiña dorsal da miña carreira e coa que fun aprendendo máis" nos conta no 'Cara a cara'. Actúa o clown en solitario con obxectos sinxelos como unha cadeira, unha guitarra, unha chaqueta... e tamén: "a derrota, o fracaso, a vulnerabilidade ou a tenrura".
Ese protagonista solitario é un "personaxe transxeneracional" porque atrae a nenos de pouca idade que acoden ao teatro acompañados dos seus pais ou os seus avós. "Que a xente lembre velo fai quince ou vinte anos e transmítamo resúltame un agasallo, é unha das cousas que máis orgulloso faime sentir", afirma.