As súas primeiras palabras foron en alemán. E os seus primeiros recordos, e os seus primeiros amigos e ata a súa primeira vocación xurdiu en Alemaña; e non era o humor. Os ' kinder' Markos e Karlos naceron e viviron no país xermano ata que os Pereiro Sánchez (Manolo e Encarna) decidiron regresar da emigración e volver a Galicia.
Marcos conserva aquel tempo "gardado na memoria sen tocalo". E tamén conserva da infancia un tractor de madeira; dos poucos xoguetes que se salvaron da querenza de Karlos pola construción: "todos os meus xoguetes están enterrados porque se dedicaba a facer subterráneos". Mentres tanto, o irmán maior era moi modosito, non lle gustaba nin mancharse. Co tempo empezou a facer trasnadas con premeditación e aleivosía, pero prefire non confesar ningunha, aínda que seguro que prescribiron.
Sempre lle gustou "a plástica", así que sendo adolescente apuntouse a clases de Pintura. Seguindo coas disciplinas artísticas, tras os pinceis chegaron as artes escénicas e as cámaras fotográficas. Xa expuxo nunha ocasión, e espera que non sexa a única. Tamén como fotógrafo traballou nun xornal. Unha breve experiencia de regular resultado de forma que optou por seguir ao outro das cámaras, en 'Terra de Miranda'.
Cóntanos que Mucha e Nucha naceron en Carral, concretamente por un encargo para o Día das Letras Galegas. Naquel momento, non tiñan ese nome, nin eran oriúndas de Ardebullo; pero si eran Pereiro e Touriñán e os dous estaban no Instituto. No seu currículo como actor e humorista fixo cinema, televisión e teatro e queda con ese escenario que permite o contacto directo co público. Un público que hai veces alarga a alma e outras, as costas (mellor que cho conte Marcos Pereiro na Playlist).
'Bota' risas, fai 'botalas' e vota sempre. Votaba o balón de balonmán e agora 'bota' pachangas no Balonmán Culleredo. 'Bota' por fóra co Depor e 'botaba' carreiras. Gústalle o de correr, aínda que "agora cústame" volver empezar. Declárase corredor de fondo. Do fondo, dese lugar de onde sae a risa de verdade, como a que adereza esta charla. E é que... era visto!