Mucha e Nucha, estrelas do ciclo de teatro que se vai desenvolver na Sociedade Cultural de Mourente
Por Redacción
O ciclo de Teatro e Comedia comeza o sábado 28 de febreiro no local da Sociedade Cultural e Deportiva Mourente, unha entidade que conta cunha longa historia realizada co teatro e que nesta ocasión ofrece as actuacións de oito grupos, tanto afeccionados como profesionais.
As actuacións son as seguintes:
Sábado 28 febreiro ás 20.00 horas, o grupo Alecrín de Ribadumia ofrecerá a obra O bulto negro. O domingo 1 de marzo a partir das 19.00 horas será Fonte da Tella a compañía que suba a escena Voda ou... funeral.
O Grupo Avelaíña ofrecerá o sábado 7 de marzo a obra E din que chove mentres que o domingo 8 o actor Miro Magariños presentará o monólogo Dúas comedias de mesa.
O sábado 14, Lúa Chea de Poio subirá a escena A idade de ouro e o Grupo Argalladas representará o domingo 15 a obra Prescrición facultativa.
A actuación estrela deste ciclo teatral será o sábado 21 de marzo coa chegada das Cantareiras de Ardebullo, as televisivas Mucha e Nucha 'as fillas da Conexa' ofrecerán os seus habituais trangalladas ao público de Mourente.
A mostra pecharase o domingo 22 coa compañía Teatro Xenio de Mourente que ofrece Dous por un.
Todas as funcións teñen un prezo de 3 euros para o público que non sexa socio mentres que para os socios a entrada será dun euro, salvo na actuación de Miro Magariños que o prezo para o público xeral será de 6 euros, cun desconto de dous euros para os socios. Mentres que o espectáculo das Cantareiras de Ardebullo custará 8 euros en venda anticipada, 10 euros en billeteira e 6 euros para os socios. Todas as funcións do sábado se celebrarán ás 20:00 horas mentres que os domingos se adiantan ás 19.00 horas.