Tribuna Viva
En defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres
A primeira vez que o Consello Municipal da Muller de Marín debateu sobre o aborto e a reforma que pretende o PP, foi en xuño de 2013, en convocatoria extraordinaria e despois de que a representante de MAR-IN, Isabel Martínez, pusexe sobre a mesa o texto da moción que o BNG estaba a presentar en todos os concellos. Daquela o texto foi aceptado pola maioría do Consello e elevouse a pleno onde foi rexeitada cos votos en contra do PP.
De novo, e con ocasión da reunión do Consello da Muller con motivo da conmemoración do 8 de marzo, a representante do BNG puxo sobre a mesa a vinculación desta data á reivindicación dos dereitos das mulleres, e entre eles a elección ao aborto libre e gratuíto, ao tempo que o PSOE rexistraba unha moción neste senso e os colectivos integrados dentro do Movemento Veciñal polo Bens Comúns tamén rexistraban un texto no Concello no mesmo senso. O PP negouse a debater ou incluír o tema dentro do programa do 8 de marzo, e incluso chegou a acusar á representante do BNG de faltar ao respecto ao Consello da Muller por levar unha proposta por escrito fóra da orde do día. En consecuencia houbo que convocar unha reunión extraordinaria para debater sobre o aborto.
Fica claro, polo tanto, que o PP nunca puxo sobre a mesa o tema do aborto nin quixo debatelo. Se finalmente, desta volta, se chegou a un consenso, non foi a iniciativa do PP nin das súas representantes, senón dos outros grupos políticos con representación no Consello.
Ao PP non lle interesa o debate sobre o aborto dentro do Consello da Muller porque sabe que hai un rexeitamento maioritario ao un cambio lexislativo no senso que considera o anteproxecto de Gallardón.
O Consello da Muller, en contra do que afirma a alcaldesa e do que a ela lle interesaría, dista moito de ser unha simple "corriente de transmisión de asociaciones e identidades con diversidad de opiniones", senón que como se recolle no punto 7 do artigo 1 do Regulamento do Consello Municipal da Muller do Concello de Marín, entre as súas funcións esta a de "Informar, debater e difundir temas sobre os dereitos das mulleres".
En ningún momento, nin a alcaldesa nin as representantes do PP no Consello da Muller, discreparon nin se manifestaron en contra da proposta de Gallardón. De ser así terían votado a favor da moción aprobada polo Consello en maio pasado, a cal no seu primeiro punto dicía o seguinte: Instar á Xunta de Galicia a que demande do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Isto precisamente foi o que votou a concelleira do PP en Pontevedra, María Biempica, alegando que la ley en cuestión trata de un tema que es moral e ideológico y por ello muy personal.
Por outra parte, convén aclarar que o debate no seno do Consello da Muller en ningún momento xirou arredor da lei do 85, senón do anteproxecto presentado por Gallardón e da defensa, por parte da maioría da mulleres, da lei actual. Aínda así logrouse consensuar un texto a favor do cal tamén votará o PP, pois, como xa sinalamos anteriormente, os demais grupos e a maioría das mulleres do Consello, xa rexeitamos a derrogación da lei actual en xuño pasado.
Por último unha aclaración a respecto da tramitación lexislativa da lei para desfacer as falsas afirmacións que se están a facer interesadamente por parte do PP e certos medios de comunicación:
En contra do que anda a difundir o PP, a Ley Orgánica 9/85 de 5 de julio 1985 que modificou o artigo 417 bis do Código Penal, que despenalizaba tres supostos de interrupción voluntaria do embarazo, recibiu en abril de 1983, (cando se comezou a tramitación) 186 votos a favor (Grupo Socialista e tres deputados de Minoría Catalana) e 109 negativos (O Grupo Popular, os centristas e o resto de Minoría Catalana) e catro abstencións (os comunistas e o representante de Euskadiko Ezkerra, Juán María Bandrés, por considerala unha lei insuficiente). O PP recorreu o texto por inconstitucional e non puido ser aprobada até que en xullo de 1985 o goberno socialista modificou o texto en base ao recurso do PP. Polo tanto, a lei de 1985 non foi aceptada nin consensuada polo PP.
Sen embargo a lei agora en vigor, de marzo de 2010, recibiu o apoio de sete partidos: PSOE, PNV, ERC, BNG, IU, ICV e Nabai, e o voto en contra do PP, Ciu, UPN (versión do PP en Navarra) e UPyD, é dicir só a dereita votou en contra. Como é sabido o PP volveu interpoñer recurso no constitucional aínda pendente de resolver. Polo tanto a lei de 2010 obtivo moito máis consenso político que a de 1985.
Nin que dicir ten, que esta reforma é política, o PP simplemente está en contra do aborto libre e gratuíto por motivos ideolóxicos e plantexa unha reforma máis restritiva que a aprobada en 1985, pois exclúe o suposto de malformacións fetais. ÿ a dereita quen está a promover un debate que non existía e que vai en contra da liberdade da muller e dos dereitos sexuais e reprodutivos conquistados.
Asinado,
Isabel Martínez Epifanio, vicepresidenta do Consello Municipal da Muller e portavoz do grupo municipal de MAR-IN
Carmen Villanueva Santiago, concelleira do PSOE e representante deste grupo no Consello da Muller
Luz Santiago Súarez, concelleira do PSOE
Pilar Blanco López, portavoz do grupo municipal do BNG
Mª Esther Crespo Iglesias, concelleira do BNG