Marta Rodríguez Engroba
De nada serve a formación se falla o corazón
Tras a súa destitución, a Ministra de Igualdade evitou pronunciarse, e tan só o fixo para manifestar que Isabel García foi unha traballadora estupenda, mentres que os seus detractores a acusan, principalmente, de non ter formación oficial en materia de Igualdade e de ter accedido ao cargo con tan só dous cursos on line de 65 horas do propio Instituto das Mulleres e outro dunha escola privada.
Xa se coñece a súa substituta, Cristina Hernández, asesora no Gabinete do Ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, cun extenso currículo académico, e unha traxectoria en Políticas de Igualdade que nos levaría un bo rato debullala, co que se dá por sentado que a súa xestión ten o éxito case, case, asegurado, conseguindo, ou tentando, alomenos, deste xeito, unha vez máis, afastar a atención dun feito fundamental: do negocio xenerado arredor da violencia de xénero, algo máis que evidente, pero sobre ao que a ninguén implicado no tema lle interesa poñer o foco, incluída a propia Ministra de Igualdade.
Evidentemente, e, tal como dicíamos a comezos desta mesma semana, non podemos afirmar se a Sra. García é ou non culpable das acusacións que recaen sobre ela, como tampouco podemos, obviamente, adiviñar como será a xestión da súa sucesora, pero si hai dúas cousas que temos moi claras, que, como xa dixemos en reiteradas ocasións, non existe dúbida ningunha do escandaloso negocio xenerado arredor da violencia de xénero, nin o ter moitos títulos, nin moitos coñecementos é garantía ningunha de facer un bo traballo neste eido.
Evidentemente, respecto a nosa segunda afirmación, que facemos categoricamente, e que a traxectoria de Si, hai saída, de algo máis de 10 anos, nos ten demostrado ata a saciedade, a formación é moi importante, e, por suposto, nunca é un atranco, pero que, cando se trata de problemáticas tan sensibles como é a violencia de xénero, cando toca tender unha man a mulleres, a menores, estragados anímicamente, e, moitas veces, tamén físicamente, o primeiro e fundamental chanzo é amosarlles que as persoas que os van acompañar no seu longo e durísimo camiño son quen de poñerse na súa pel, de entendelos, de escoitalos, de respectar os seus tempos, de comprender as súas "recaídas", que case sempre as hai, sen xulgar, sen sentenciar, algo que, por desgraza, malia que non guste admitilo, nas Institucións é demais organismos encargados de tratar con eles, non é algo que abonde.
Si abondan, pola contra, os títulos, os diplomas, as condecoracións... que enchen paredes de despachos e decoran solapas, agochando moitas veces, demasiadas, de feito, corazóns duros coma pedras, e a ausencia total de empatía e de sensibilidade.
Desde que Si, hai saída botou a andar, e malia que teño a inmensa fortuna de contar cun equipo ao meu carón de persoas excelentemente formadas, sen as cales o nos traballo non sería posible, decidimos que eu sería a persoa coa que as vítimas que acoden a nós teñan a primeira toma de contacto.
A razón é moi sinxela. Eu son a única que viviu o horror da violencia machista, polo que podo entender perfectamente a súa dor, o seu xeito de actuar, algo que non sempre é doado, e que, por suposto, as escoito e respecto os seus tempos.
No noso caso, teño que dicir que me considero enormemente privilexiada, xa que no equipo que me acompaña se dan ambas características. Son uns grandes profesionais, e uns enormes seres humanos.
De feito, de non ser así, é obvio que non se terían embarcado comigo nesta "aventura" e que non seguirían aí, e menos aínda sen percibir remuneración ningunha, pero, repito que son unha privilexiada, xa que isto non é algo que abonde.
Moito se fala tamén da formación dos membros dos CFSE, principalmente cando algunha neglixencia en materia de protección, que non son poucas, ou da prevención, que ten máis de lenda urbana que de realidade, evidencia os seus fallos e mesmo se leva por diante algunha vida de mulleres ou menores, esgrimíndoa como argumento para xustificar o inxustificable de moitas das súas actuacións ou a falta total delas, ou ben para todo o contrario, para tentar eludir responsabiidades alegando que non é suficiente a que teñen.
Sempre, e repito, sempre, desde Si, hai saída, dixemos que non dubidamos desa formación. Do que si dubidamos, de feito podemos asegurar que con motivo, xa que a experiencia, lamentablemente, así nolo ten demostrado ao longo de todos estes anos, e do factor humano, que, en non poucas ocasións, nin está, nin se lle agarda, encomendando a vida desas mulleres, deses nenos e nenas, a persoas que teñen moitos galóns, moitos méritos policiais, si, pero unha pedra onde deberían ter o corazón.
Formarse é relativamente fácil, sobre todo cando se conta cos medios para facelo, xa que non é algo que estea ao alcance de todo o mundo e sufragar unha formación tan esmerada como a que nos contan que ten a nova directora do Instituto da Muller, sendo este, curiosamente, un dos grandes problemas, xa que é moi difícil que alguén que provén dun eido no que nunca lle faltou de nada se poda poñer na pel de quen está a pasalo tan mal e con todo o respecto o dicimos, ademais de non referirnos, por suposto, a ela en particular, xa que descoñecemos as súas circunstancias.
O que está claro é que de nada serven os galóns, as condecoracións e a formación, se falla o corazón, agás para decorar paredes de despachos e solapas.
Querer admitilo xa é outra cuestión.
Por desgraza, a estas alturas, xa temos asumido que é imposible que isto chegue a ser unha realidade, e, de novo volvemos ao punto de partida: Demasiado negocio, demasiados petos, se verían prexudicados, e isto non é algo que se poña en risco.
Moi lamentable, vergoñento, pero moi certo.