Marta Rodríguez Engroba
Oxalá fose o comezo da fin da gran mentira
A primeira delas, malia ser a máis grave, máis ben arrepiante, polo que pode implicar, apenas transcendeu, non interesa, e canto menos se saiba, mellor.
Estamos a referirnos, nada máis nin nada menos, que a caída do servizo no Centro de Control de Medidas Telemáticas de Afastamento (Cometa), que, para os profanos na materia, se é que existe algún, porque se algo abonda neste país actualmente son os "expertos” e "expertas” en violencia machista, é o encargado de protexer, telematicamente, as vítimas de violencia de xénero e de abusos sexuais, mediante dispositivos electrónicos, da proximidade dos seus agresores, cando existe unha orde de afastamento e esta é vulnerada por eles, sen que as vítimas, ou, alomenos, a maioría delas, foran advertidas.
Din que esta situación se produciu durante 24 horas, cando o certo é que xa viña sucedendo desde había case unha semana, transcorrida a cal, malia que non se atopaba totalmente inoperativo, aínda seguía sen funcionar correctamente e estaba a ter fallos.
Dito doutro xeito, non foi un fallo puntual, nin moito menos, se non algo bastante máis grave, co que isto pode implicar, máxime nunhas datas nas que, como todos sabemos, malia que a poucos con competencias, por non dicir a ninguén lle importe en absoluto, a desprotección das vítimas por mor das vacacións, é practicamente absoluta.
Tampouco os colectivos, ou, alomenos no caso de Si, hai saída así sucedeu, fomos advertidos polos CFSE, que non sabemos se terían a obriga de facelo, probablemente non, pero que, por pura humanidade, non deberían dubidar en levalo a cabo, mais, alomenos no que a nosa cidade atinxe, prefiren rexerse por outros criterios bastante menos profesionais, que agora, obviamente, non imos debullar, pero que non se paran a considerar, ou, máis ben, non queren facelo, que as grandes prexudicadas son as vítimas.
Como xa dixemos, esta noticia apenas transcendeu, o cal non deixa de ser significativo, e non é preciso, cremos, aclarar o que isto significa.
É para poñer os pelos de punta, xa que deixa ben ás claras de manifesto o grao de desprotección que sofren estas mulleres.
A segunda destas noticias si tivo e está a ter máis repercusión, xa que é desas que tanto gustan, que están destinadas a ser carne de telexornais e de platós de programas deses nos que "celebrities”, aspirantes a selo, ou mesmo vellas glorias do famoseo e do "papel couché” non dubidan en lanzar pola boca cantas insensateces se lles ocorren, pero que garanten a audiencia, que, en definitiva, é do que se trata.
As vítimas son o de menos, agás que se apeliden Bethencourt, Carrasco, Rei, ou algún outro apelido "ilustre” do "telelixo”, en cuxo caso hai que tratalas coma se fosen Juanas de Arco contemporáneas, porque as caixas rexistradoras soan cada vez que abren a boca, malia que sexa para soltar... en fin, o que queira que sexa que soltan, que adoita a ser calquera cousa agás construtivo e beneficioso, senón todo o contrario.
Non é preciso aclarar, obviamente, que tamén como ferramenta política é unha noticia moi apetecible para a oposición, que non dubidará, ben seguro, en sacarlle todo o proveito posible.
Estamos a referirnos aos contratos da xestión dos Puntos Violeta, que, para resumir o tema, parece ser que, se non todos, unha gran parte deles foron adxudicados, "curiosamente”, a unha empresa propiedade da actual directora do Instituto de Mulleres, Isabel García, e da súa parella, Elisabeth García, que terían recibido, alomenos, 64 contratos públicos de concellos gobernados polo PSOE, facturando arredor de 250.000 euros.
Aclaramos, para quen o descoñeza, que os Puntos Violeta son os espazos para ofrecer asistencia e acompañamento as mulleres vítimas de violencia machista.
Vaia, nin máis nin menos que o que algúns estamos a facer de xeito totalmente gratuíto, desde hai unha década, e polo que somos criticados e molestamos a moitos (por qué será...?).
Tampouco esta noticia, inicialmente, tería, probablemente, acadado un gran percorrido, porque tampouco interesaba, de non ser porque os colectivos de persoas trans, que, obviamente, lle teñen ganas á Sra. García, se lanzaron a súa xugular, acusándoa, entre outras cousas, de posturas transexcluíntes, contando, como non, co inestimable apoio da ex Ministra Irene Montero, a que non sacamos de enriba por moi lonxe que marche, que non dubida en reaparecer cada vez que albisca cámara e micrófono, e que, por máis que pensen o contrario neste colectivo, non dubida en utilizalas tamén a elas no seu proveito.
Naturalmente, nós non sabemos canto hai de certo ou non nas acusacións que se lle están a facer a Sra.García, pero, independentemente diso, a que vén tanta sorpresa, tanta indignación e tanto racharse as vestiduras, cando a "dedocracia” é algo que xa está instalado entre nós desde hai moito tempo, totalmente normalizada e aceptada.... dependendo a quen beneficie, por suposto, de tal xeito que non é raro que, quen a ataca hoxe, a acepte con total naturalidade mañá, se está na lista dos elixidos?
Hai moito tempo xa que, desde Si, hai saída, na nosa cidade, pedimos explicacións acerca da xestión destes Puntos Violeta, malia que seguramente ninguén se lembre xa ou se queira lembrar, xa que, sospeitosamente, cada vez que se instalaban, as caras eran as mesmas, ou relacionadas entre si en cada ocasión, e, por descontado, cunha clara vinculación política, e por toda resposta, malia a nosa insistencia, a única que obtivemos foi a de "parece que se quedou boa tarde, nonsi?”.
Así mesmo, cando preguntamos por unha posible remuneración das mulleres que atendían estes Puntos Violenta se nos contestou cunha gran indignación que por suposto que non existía tal, que o facían dun xeito totalmente altruista.
Menos mal que nos cuidamos de aclarar que a nós, en definitiva, o feito de que cobraran ou non non nos importaba en absoluto e continúa sen facelo.
De non ser así, xa nos teríamos subido a algún carro hai moito tempo, porque oportunidades non nos faltaron, pero somos así de "rariños”, que lle imos facer?
O único que pretendemos é que se lles chame as cousas polo seu nome e que non se engane a ninguén.
Ao altruísmo, altruísmo, e ao negocio, negocio, así de sinxelo.
En definitiva, estas dúas noticias das que hoxe nos facemos eco, son, reiteramos, moi graves, e oxalá serviran para que a gran mentira que é esa suposta loita contra a violencia de xénero que, na realidade, agocha un suculento negocio, comezara a desmontarse, pero, por desgraza, temos a certeza de que non será así.
Moitos intereses, demasiados, se verían moi prexudicados, e vívese moi ben xogando a ser altruísta.