Andrés Núñez Rajoy
Fútbol e literatura
Leo, case todos os días, o xornal editado en Barcelona La Vanguardia. Gozo dos seus articulistas polo xeito de explicar as cousas. A miña sorpresa, para ben, foi unha reportaxe publicada fai uns días (30 de xuño), e asinada por Jorge Carrión. A reportaxe titúlase "El club de lectura de Nico Willians" (https://www.lavanguardia.com/cultura/20240630/9769655/club-lectura-nico-williams.html). Jorge Carrión cunha prosa clara dá conta da relación entre a literatura e o fútbol no Athletic. Xa tiña esquecido esta faceta do Athletic Club de Bilbao e a cultura. Falei en PontevedraViva , en abril, da miña envexa do Athletic Club como equipo de fútbol, tamén a teño polo compromiso que ten ca sociedade a través da Fundación Athletic Club Fundazioa que se creou no ano 2002. Ao principio comezaron polo deporte de base enfocada cara unha formación integral dos mozos que o converteu nun dos piares da Fundación. Porén, máis adiante decatáronse que tiñan que converterse nun instrumento para axudar a facer unha sociedade mellor. Incrementáronse proxectos e iniciativas sociais, culturais, deportivos, formativas e medioambientais.
Unha das cousas que crearon desde a Fundación Athletic Club Fundazioa foi o Athletic Club de Lectura onde promoven a lectura de xeito que calquera afeccionada ou afeccionado pode propor un libro para ler a varios xogadores, xogadoras ou técnicos do club. Das suxestións que reciben elixen unha, e comprométense a lela nun mes. Logo a Fundación organiza clubs de lectura con personalidades do Athletic Club como foi o caso, entre moitas e moitos máis, de Jose Anjel Iribar, Gurpegui, Ainhoa Tirapu, Ernesto Valverde, Mikel Balenziaga, Mikel Rico, Mikel San José, Xabi Etxeita, Maite Oroz ou Lucía Córdoba. No ano 2022 a Fundación editou dous carteis con Dani Vivian, Nico Willians e Erika Vázquez botándolle unha chiscadela ao ilustrador Norman Rockwell. Fixéronse 8.000 carteis que lles enviaron aos clubs cos que teñen convenios, a bibliotecas e aos centros educativos que o solicitasen.
Detalle, feito polo autor, dun cartel da campaña irakurLe-On, da Fundación Athletic Club Fundazioa para a promoción da lectura. FUNDACIÓN ATHLETIC CLUB FUNDAZIOA
Outra promoción de letras e fútbol, a través da Fundación Athletic Club Fundazioa, é o festival que organizan co nome de Letras e Fútbol ( https://letrasyfutbol.com/es/), Letrak eta Futbola, onde teñen encontros con representantes da cultura e dialogan sobre temas culturais, sociais ou deportivos e tamén sobre o lugar que ocupa o fútbol na arte, e como non o fútbol e a literatura. Nestas xornadas pasou moito tipo de persoas como escritores, poetas músicos, cineastas, debuxantes, guionistas ou periodistas como o sanxenxino Manuel Jabois. Tamén celebran a semana do Thinking Football Film Festival, onde proxectan entre doce e quince películas que contan historias humanas, ou sociais, relacionadas dalgún xeito co fútbol. Son moitas as iniciativas, tanto sociais como culturais que fai a Fundación e, como non podía ser menos participa nas iniciativas populares a favor do euskera de xeito habitual, como é o caso da Korriba ou o Ibalaldia, onde se involucra todo o equipo desde futbolistas ata os traballadores do club sumándose aos actos a favor da lingua vasca.
Mentres escribía este artigo fun mirando si había máis clubs de lectura nos equipos de fútbol. O que vin foi un pequeno intento do Real Betis Balompié que vai a institutos a fomentar a lectura. No caso do Barça e do Real Madrid non teñen nada nas súas páxinas. Porén quen si ten é a Real Sociedade, fan un festival parecido ao do Letrak eta Futbola, e que neste caso se chama Korner, https://www.korner.eus/es/, un curruncho onde xuntan cultura e deporte. Esta organizado pola Real Sociedad Fundazioa e Donostia Kultura. Aquí teñen como fío condutor a Eduardo Chillida, o escultor que foi porteiro da Real Sociedade e que deixou o fútbol por una lesión.
Detalle, feito polo autor, do programa do Korner deste ano
En mentres que pasa aquí. Como sempre, nada. No caso do RC Deportivo da Coruña, mirando na súa Fundación, https://www.rcdeportivo.es/gl/fundacion, di: "Utilizamos o fútbol como ferramenta para contribuír á mellora social, inspirando aos mozos e mozas, educando en valores e motivando o cambio cara a unha sociedade máis solidaria, inclusiva e igualitaria." Mais logo si miramos máis adiante vemos como iso só se traduce en facer "campus" e pouco máis. No caso do RC Celta de Vigo, https://rccelta.es/gl/fundacion/sobre-nos/, manifestan: "Reforzar e potenciar accións de igualdade, integración, solidariedade entre nenos e adultos ou promover a través do deporte o desenvolvemento persoal dos máis novos son algúns dos acenos de identidade da entidade, que trata de fomentar a participación cidadá en actividades de carácter social mediante a promoción de campañas solidarias", igual que no Deportivo pouca actividades, ademais dos campus. No caso do resto dos equipos galegos "grandes" dicir que nin CD Lugo, nin Racing Club Ferrol nin o Pontevedra CF teñen fundación. Aínda así e todo nun momento como o actual, onde o galego esta perdendo falantes, onde cada vez se le menos, onde a industria da cultura (nomeadamente a editorial) en Galicia foi sempre foi importante, seria bo, moi bo, que os nosos equipos fixeran clubs de lectura para a promoción da nosa literatura. Predícase no deserto cando hai equipos como o CD Lugo ou o Pontevedra CF que non teñen páxina web con opción do idioma galego. Si a teñen o Deportivo, o Celta e Racing, o galego aparece por defecto, o que fai sexa loábel o labor deste equipos. Os outros, a verdade non sei de que van ou que queren, logo queren seareiros do país.
Sempre se escoitou dicir a frase "el Barça és mes que un club", que dixera o presidente do club Narcís de Carreras no ano 1968. Hoxe esa frase xa non é certa pois hoxe quen é "máis que un club" é o Athletic.