Xerardo Torrado Agulla
Un globo sonda sobre as eivas no ensino secundario
O outro día visualicei un deses videos que circulan polas redes sociais onde un individuo fai preguntas de cultura xeral a xóvenes que atopa na rúa, resaltando a falta de coñecementos de vocabulario, humanidades ou xeografía, nalgúns casos moi graves. Neste caso concreto pedían que sinalaran a España nun mapa mundi. A pesar de vivir en España, estos xóvenes eran incapaces de sinalar a España no mapa, polo cal non nos debe sorprender que cando lles pedían sinalar Alemaña sinalaban a Groenlandia, a Brasil en troques de México, a pesar de afirmar a xoven que estivera en México, ou que ubicaran a Arxentina en África ou a Xapón no extremo Norte do globo. Ignoraban qué eran os puntos cardinais, qué significaba a verba paraxe… etc. Pero o mellor de todo é cando ós entrevistados lles preguntan en que curso están e entón é cando respostan que están para entrar na Universidade, e entón cando se me poñen os pelos de punta.
Quixen lanzar un globo sonda, e así puxen un comentario de que a razón daquilo era que a clase política, cas súas constantes reformas educativas, buscaban máis implantar unha ideoloxía que comunicar contidos. Sabía que isto era certo, pero que había otros factores. O globo sonda fora lanzado, qué me respostarían os que leran o meu comentario?. Pois foron interesantes puntos de opinión, xa que tratábase doutros factores igualmente existentes, xa que estamos ante unha eiva educativa provocada non por un, senón por varios factores. Por unha banda, estaría o proceso de facer un ensino á carta ó servizo dos requerimentos da economía imperante, o modelo liberal, onde o alumnado, unha vez formado, estaría preparado para ser inxerido no mercado laboral segundo as demandas do mesmo. Isto é unha realidade presente fai anos no sistema educativo, por exemplo o ensino universitario dende as administracións foi depauperado de xeito notable para fortalecer o prestixio dos módelos de formación profesional, xa que eran estes tipos de profesionais formados os que demandaba a sistema económico. Cada ano, dende as administracións invírtense millóns de euros en campañas publicitarias neste senxo. Nunca o farán para promover que un rapaz ou unha rapaza se decida a cursar unha carreira de humanidades, de feito, ademais das mencionadas campañas, na prensa cada poucos meses aparecen novos informes sobre as formacións con máis empleabilidade, e por suposto, a Historia ou a Filosofía nen aparece na lista.
Outros dos comentarios que fun quen de captar, era o de xente que pensaba que a culpa destas altas cotas de ignorancia era a política de promoción directa que premia ó vago e mediocre e castiga ó traballador e competente igualando a todos polo baixo. Este aspecto, igual que o anterior, contén grandes doses de veracidade. Esta política non é nova. Ademais hai unha presión constante ós docentes do ensino secundario, para que fagan unha política de manga ancha. Non son profesor de secundaria, a pesar de que sí teño as acreditacións e o vello CAP feito, pero compañeiros de facultade que sí o son, coméntame este aspecto. Cada suspenso que dan o teñen que xustificar, e isto xenero tal cantidade de papeleo que acaban promocionando a ese alumno que non se pasaba por clase, entregou un exame en branco, non entregou as prácticas e non leu os libros que tiña que ler. Os docentes, en troques de prepara-las clases, teñen que estar preparando informes para os psicopedagogos, que tomaron o control da educación e someten ó profesorado a auténticos procesos inquisitoriais, non sexa que traumes a un alumno. Ese temor a traumar o un alumno ou alumna cun suspenso, cos argumentos de sempre: si repite curso, perderá os seus amigos e amigas, sentirase solo, será un fracaso. O facer unha sociedade, e sobre todo unha xuventude, cunha pel moi fina, ten uns responsables, e son as novas tácticas educativas que promoven aspectos como a intelixencia emocional que son un auténtico timo en detrimento dunha formación integral.
Eu din con maior profundidade á Revolución Rusa na EXB que na facultade de Historia. Hoxe en día, senón saben sinalar a España no mapa vivindo en España, podemos agardar que saiban quén foi Lenin? Teño lembranzas do alto nivel en humanidades e Historia na miña EXB, lembro como falaba co meu compañeiro Celso sobre mitoloxía xermánica e a música de Wagner cando ambos estabamos en sétimo ou oitavo da EXB, iso hoxe é posible? Móstrome escéptico, moi escéptico. Algúns dos xóvenes entrevistados pretendían igualmente excusar a súa ignorancia decindo que cursaban "bacharelato de artes" e que pasaban todo o día debuxando e non tiñan nengunha clase de xeografía. Necesítase moitas clases de xeografía para sinalar España un mapa? Aí temos outros dos factores, a multiplicación de bacharelatos á carta que na procura dunha maior formación tiveron o efecto contrario.
Recentemente presenteime nas listas para bedel da Xunta, aínda non me chamaron e non sei se o farán algún día. En canto remate ca miña tese doutoral (para o ano que ven) comezarei a opositar para bedel en institutos. Como profesor do mesmo cobraría máis, pero non quero ter que dar explicacións un día sí e outro tamén ós inspectores de educación sobre a razón de que suspendera a un alumno ou alumna por entregar un exame en branco e non rendir nada. Ante isto, prefiro ser bedel aínda que cobre menos. O único ensino que me chama a atención é o universitario, pero teño poucas posibilidades no mesmo, xa que perdín tódalas miñas oportunidades para "reenganchar" na Universidade por defender o honor dunha terceira persoa que ben pouco mo agradeceu. Non me preocupa estar fóra da Universidade, fóra dela tamén hai vida científica. Da promoción da Escola Politécnica de Zurich de Einstein, só o mesmo Einstein e a súa primeira esposa, a brillante Mileva Marić, non "reengancharon" na mesma Escola Politécnica. Por certo, cando Albert Einstein desenvolveu a súa teoría de relatividade, era un oscuro traballador dunha oficina de patentes en Berna, non estaba nunha Universidade nen nun prestixioso Instituto de investigación.
Queda outro factor a sumar os anteriores, que tampouco debe quedar descartado. E é a posibilidade de que a maioría dos entrevistados deran as respostas correctas e que souberan sinalar no mapa a España, Alemaña, México e Mongolia, pero non foron seleccionados na montaxe final, xa que o obxetivo tiña un carácter cómico: non ten graza que un xoven sinale España en España, e non en Australia.