![Marta Rodríguez Engroba](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/2fa/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/58eb6ac9d8-jpg-marta-rodriguez-00.jpg)
Marta Rodríguez Engroba
Predicar co exemplo
Quero aclarar, antes de continuar, que o que vou expoñer non ten nada que ver coa cor do partido político ao que atinxe, e que diría exactamente o mesmo de tratarse de calquera outro.
Os feitos son os que son, iso é innegable, e, desde Si, hai saída cremos que son moi graves, independentemente da formación política coa que estean relacionados.
Por outra banda, non é menos certo que, pola súa actuación nunha zona moi concreta, non se pode condenar a todo un partido, nin aos seus integrantes, porque, como ben sabemos, de todo hai en todas as partes, se ben feitos como aos que imos eferirnos, non benefician para nada a imaxe de ningún deles e, desde logo, son decisivos para restarlles credibilidade, malia que, lamentablemente, os intereses sempre acaban por impoñerse, e se isto implica mirar a outro lado, todos sabemos, a estas alturas, que non hai o menor problema, salvo honrosas e e moi escasas excepcións, en facelo.
Hai un par de semanas, moitos medios de comunicación fixéronse eco da reintegración como edil na Illa de Arousa de quen fora o seu candidato nas eleccións municipais de hai un ano, Matías García Cañón, quen acabou como edil independente tras coñecerse que foi condenado en 2011 por violencia machista contra unha ex parella, á que rompera un dente e provocara lesións cervicais leves ao golpeala na cara, polo que fora condenado, segundo o partido, a pagar 89€ e a traballos comunitarios, como fan constar nun comunicado emitido en relación con esta readmisión, alegando que "cometeu un erro e pagou por él".
Somos conscientes da controversia que suscita a posible rehabilitación dun maltratador, mais a nosa experiencia nos leva a dicir que aínda non coñecemos, nestes 10 anos que SI, hai saída levamos traballando directamente con vítimas de violencia de xénero, a ningún que non o fixera antes de maltratar a parella que chega a nós, e que non reincida posteriormente, ben coa mesma, porque, as veces, por desgraza, e por diferentes circunstancias, retoman a relación, ou ben con outra posterior, por moita multa que paguen, ou por moitos traballos comunitarios que realicen, porque a maldade, a crueldade, de quen é capaz de maltratar, non se esfuma polo feito de pagar unha multa ou de realizar tal ou cal tarefa ou mesmo por chegar a entrar en prisión, iso é evidente e todos o sabemos.
E, lamentable e tristemente, as tráxicas estatísticas, esas que tan ben se lles da manexar aos nosos políticos, avalan a nosa tese.
Son xa demasiadas as vidas de mulleres truncadas por agresores teóricamente "rehabilitados".
Que se queira admitir ou non, é outra cuestión.
Pero neste caso concreto ao que estamos a referirnos, tan sangrantes ou máis que a súa readmisión cremos que son os argumentos que o partido alega apelando a "exemplaridade e compromiso contra a violencia machista" do edil en cuestión ao que se refiren, ademais de describilo como unha "persoa intachable cun enorme caudal político, humano e social e cunha implicación absoluta na loita pola igualdade e na erradicación da execrable violencia contra as mulleres".
Isto, ademais de ser xa o colmo, é un insulto e unha aldraxe en toda regra, non soamente á muller agredida por este home, se non a todas as vítimas e as mulleres en xeral.
Como se pode dicir tal barbaridade de quen, por moi irrisoria que fora a condena, está probado que cometeu un delito de violencia de xénero?
Pero non remata aí a lista de despropósitos relacionados con este caso.
O partido xustifica que a readmisión en cuestión se leva a cabo "para respectar a vontade das urnas e a defensa dos intereses xerais dos veciños", afirmando que é o que demanda "a maioría social da illa" e "o sentido común".
Dito doutro xeito, readmite o edil, pero mollándose o xustiño, xa que, realmente, o que fan é trasladarlle a responsabilidade á cidadanía.
Non sabemos, obviamente, se isto é ou non totalmente certo, mais ambos supostos son extremadamente graves, xa que, de ser así, deixaría en evidencia a nula concienciación que a veciñanza de Arousa amosaría na loita contra a violencia de xénero, e, de ser falso, sería motivo máis que suficiente para que a cidadanía da Illa tomase medidas moi serias ao respecto, xa que estarian a deixala a nivel do chan en canto a loita e sensibilización contra a violencia de xénero se refire.
Din que todo o mundo ten dereito a unha segunda oportunidade, e non somos nós, desde logo, quen para a negarlla a ninguén, pero hai que admitir que existen delitos e delitos.
Alguén pode roubar, estafar, defraudar... nun momento dado da súa vida obrigado ou inducido polas circunstancias, necesidade, adiccións... e, en consecuencia, co paso do tempo, rehabilitarse e reinsertarse, pero quen dana a outra persoa, quen maltrata... complicado.
A maldade non ten cura nin solución, e un maltratador é, sinxelamente iso, malo.
En calquera caso, ese sería outro debate, pero volvendo ao caso que nos ocupa, a readmisión deste edil, non ten xa en si mesma, xustificación, pero o que xa é absolutamente escandaloso e que, aínda por riba o presenten como un exemplo a seguir en canto a implicación na loita contra a violencia machista.
Para rematar, non podemos deixar de subliñar o curioso silencio que, desde eidos supostamente "feministas", que tantas leccións nos dan, se producíu en torno a este asunto,
Onde están agora as pancartas, as manifestacións, as declaracións aos medios, o "bombardeo" en redes co que nos "agasallan" con feitos bastante menos graves, pero que lles aseguran notoriedade...?
Se hai algunha verdade irrefutable, é, sen ningunha dúbida, que, máis tarde ou máis cedo, a auténtica condición de cada quen acaba por saír a superficie.
E, curiosamente, ante certas situacións, imos dicir un tanto "comprometidas" por afectar a quen afectan, curiosamente, as únicas que abrimos a boca e falamos somos aquelas as que nos cualifican de "fachas", de machistas...
"Activistas" si, pero a vaquiña polo que vale, non si?