Andrés Núñez Rajoy
E Pedro Sánchez dixo basta
Fai xa un ano que escribo un artigo semanal en PontevedraViva. Estaba escribindo o artigo desta semana, e tamén do aniversario, déuseme por mirar X (antes Twiter) e vexo o rebumbio que hai nas redes cunha carta de Pedro Sánchez. Lina con detalle. Resúmese todo nunha pregunta que fai: "Merece a pena todo isto?"— pregúntase Pedro Sánchez — dicindo que vai coller cinco días para reflexionar para tomar unha decisión, seguramente a máis importante da súa vida, presentar a dimisión ou seguir como Presidente do Goberno. Dicir que non me sorprendeu, parece chulería pola miña parte, mais teño que recoñecer que estaba agardando que se fixera algún toque de atención para parar toda esta polarización política que crea a dereita. Estase levando a tal punto que provoca desafección e iso acaba repercutindo sempre nos votos dos partidos da esquerda.
Votei sempre desde a primeiras eleccións en democracia, mais nunca votei ao PSOE, a miña opción na esquerda e no galeguismo é outra. Mais iso non quita a miña solidariedade e empatía con Pedro Sánchez. Dous Presidentes de Goberno gañaron o meu respecto. Primeiro foi José Luis Rodriguez Zapatero, que trouxo máis diversidade e máis igualdade, logo Pedro Sánchez que tamén trouxo diversidade, igualdade, máis democracia e máis pluralidade. Lendo a carta de vagar vese que é a dun ser humano, para min iso ten moito valor, demostra que é coma min, que el tamén é vulnerable. Cando se publique este artigo (estouno escribindo en xoves 25 de abril) faltarán poucas horas para que diga que decisión tomou. Oiremos miles de opinións, unhas a favor e outras en contra. Pero seguro que oiremos falar que é un síntoma de debilidade, que á política hai que chegar chorado, que hai que ter a pel moi dura, que lle vai no salario. Para min é todo o contrario demostrar que as cousas que teñen que ver con quen te rodea te acaban afectando é un signo de adultez política.
Vexo os mércores as preguntas que lles fan ao Goberno. Vino pola mañá contestando ás preguntas nas Cortes. Sorprendeume o ton co que falaba e o rostro serio, pero non adiviñei o que viña. Pasou a pandemia, a guerra de Ucraina, o volcán da Palma e os prezos da enerxía. Facendo política internacional e sendo respectado. Ultimamente defendendo o recoñecemento de dous estados en Palestina. Non paraba. Parecía que nada podía con el. Máis a acumulación de ataques á súa persoa desde que chegou á Presidencia ata agora na que un xuíz abre unha investigación secreta (e sen contar co fiscal) contra a esposa do Presidente en base a unha denuncia de poucos folios presentada polo pseudosindicato de ultraderteita e mafioso, Manos Limpias, sen sustento ningún pero que é admitido a trámite é a gota que derrama o vaso. O home do "Manual de resistencia" e xogador de baloncesto pide un "tempo morto".
Para a dereita as cousas están ben sempre e cando sexan eles quen mandan, teñen un sentido patrimonial do poder herdado da ditadura, para eles os demais somos intrusos. Non lles importa mentir, enlamar, controlar a xudicatura, adaptarse ao que faga falta para ter o poder. Isto xa ven desde o "Pujol enano habla castellano" e falar "catalán na intimidade" ata hoxe. Empezou cunha gran mentira, a do 11-M, a da autoría do atentado islamista dicindo que fóra ETA. M. Rajoy acusou a Zapatero de traicionar os mortos de ETA. Feijóo gaña en Galicia, apoiado polo diario de máis tirada, mentindo sobre Touriño, e os Audis, e sobre Anxo Quintana acusándoo de maltratador. Ven Casado e non para con Pedro Sánchez, sempre sería "goberno ilexítimo". Aparece Feijóo" el Moderado", para os de Madrid, a nós non nos engana, e repítese a historia, mentiras, insultos e sempre co de "goberno ilexítimo", aderezado cos insultos, chulerías e faltadas, nas que son expertos , destacando Ayuso , non é de recibo o de "que te vote Txapote" ou chamar "hijo de puta" ao Presidente do Goberno e convertelo nun slogan de camisetas co de "me gusta la fruta".
Manos Limpias, Hazte Oír ou Abogados Cristianos.
O PP e Feijóo andan disimulando como si non foran con eles as denuncias á esposa do Presidente, pero lembramos o que dicían Miguel Tellado, Elías Bendodo, Cuca Gamarra ou a vicesecratria de sanidade e educación do PP, Esther Muñoz que este mércores denunciou nas Cortes ao sogro, ao irmán e a esposa de Pedro Sánchez. Mais aínda así e todo foi o propio Feijóo o que xa fixera a denuncia da esposa do presidente en marzo cando lle dixo, nunha pregunta ao Goberno: "Si vuelve a negarse a dar explicaciones, y van tres veces que se las pido habrá investigación específica sobre los asuntos que afectan a su entorno más inmediato, parlamentaria, y judicial también, si es necesario". Como se ve Feijóo cumpre as ameazas.
De "perro" a"perro", Pedro Sánchez tes que seguir no Goberno.
Alcumaron a Pedro Sánchez co nome de "perro sanxe", si el é "perro" eu tamén son "perro" porque este non é un ataque só a Pedro Sánchez, nin ao PSOE, é un ataque aos demócratas. É un ataque ás virtudes cívicas. Non se tomaron medidas cando mentiron con Demetrio Madrid, nin con Atutxa, nin con Anxo Quintana, nin con Touriño, tampouco con Podemos, Pablo Iglesias e Irene Montero, forzouse a dimisión da Directora Xeral da Guardia Civil por un caso do seu esposo que logo foi declarado inocente, empuxouse a dimisión de Mónica Oltra, nin tampouco con calquera dos outros. Por todo iso hai que dicir BASTA. Por iso todos os demócratas somos "perro".
Pedro Sánchez non debe dimitir, fainos falta xente, que coma el, souberon dar o paso para defender a liberdade e xustiza social. É a loita dos e das demócratas, de todos e todas. De esquerdas, de centro e de dereita. Teño amigos de dereita que son demócratas e non lles gusta a política que fai o PP nestes casos. A liberdade e a democracia está feita por homes e mulleres valentes. O PP vai seguir no mesmo camiño, van enmerdar todo, van dicir que o de Pedro Sánchez é unha postura para que o seu partido o apoie, que a crítica lle vai no salario, e non, non todo vai no salario, o respecto ao contrario e o respecto a verdade no vai no salario.
Non sei que vai facer Pedro Sánchez, ao peor el tampouco o sabe hoxe. Pero non debe dimitir, isto non só é unha cousa do PSOE, é de todos nós, os "perros" e "perras" demócratas. Xogámonos o futuro da democracia.