Tribuna Viva
Defendamos a Sanidade Pública
Hoxe venres celebrase en Pontevedra unha manifestación en defensa da Sanidade Pública, a estas alturas supoño que case ninguén descoñece os motivos da convocatoria por parte da maioría das entidades sociais e políticas da cidade desta mobilización, pero compre lembrar que o que está en xogo non só é o presente e a atención que estamos a recibir os veciños e veciñas da Area Norte Sanitaria da Provincia de Pontevedra, senón que supón un desmantelamento das infraestruturas sanitarias e que van a representar no futuro unha marxinación para unha área e unha provincia que xa esta a sufrir as consecuencias dun brutal recorte nas prestacións, que fai que a atención cada vez sexa máis deficitaria.
Eu non son especialista na materia sanitaria, pero como usuario da Sanidade sinto como cada vez son máis os problemas que atopamos para unha atención digna e cada vez se nos trata máis como clientes que como pacientes. Como usuario me preocupa que se nos trate como analfabetos e nos fagan comulgar con rodas de muíño, e pretendan que asintamos cando nos din que co traslado a Compostela da atención de especialidades, que ata o de agora se cubrían dende Vigo, imos estar mellor atendidos. "Pois non" señores e señoras da Xunta non nos tragamos estas parvadas que se inventan e somos máis intelixentes do que vostedes se creen e sabemos que non se mellora a atención, porque os tempos en saúde son importantes e a distancia e fundamental e non é o mesmo desprazarse a Compostela que a Vigo.
Os cidadáns e as cidadás non queremos que se nos conten milongas e que se intente camuflar unha aposta por potenciar o Hospital Clínico Universitario de Santiago, unha infraestrutura que probablemente este sobre dimensionada e que nestes momentos posiblemente sexa deficitario, adxudicándolle unha poboación de referencia que non ten ningún vinculo con ela sen importarlle os prexuízos que lle cause.
Non vou a estenderme máis nas consecuencias que para nos pode supor que consintamos a desfeita que nos queren impor dende a Xunta, pero o que si quero e apelar a todos e a todas vos para que participedes na mobilización que se vai a celebrar hoxe e que vai partir da Praza da Ferrería as 20:00, e que animedes a todos os vosos coñecidos para que fagan o mesmo e que a de hoxe sexa a maior manifestación celebrada en Pontevedra en defensa do Público e da Sanidade Pública.
Miguel Anxo Vilacoba
Presidente da Federación de Asociacións de Veciños Teucro